Rematada a adaptación do centro médico de Ponte Sampaio ao protocolo Covid

19
  • O Concello xa informou ao Sergas do fin da obra e agarda que o vindeiro luns se incorpore o médico que está ausente do seu posto de traballo dende o inicio da pandemia.

O Concello de Pontevedra rematou onte os traballos de reforma para acondicionar o centro médico de Ponte Sampaio para adaptalo ás necesidades do Plan de continxencia da Covid e conseguir que regrese o facultativo que o Sergas retirou da parroquia no inicio da pandemia.

Os traballos aprobáronse o luns polo procedemento de emerxencia e comezaron o propio luns. Tiveron un custe de 19.885,36 euros e consistiron na instalación dunha nova porta exterior que facilita o fluxo de entrada e saída; a creación dunha sala de illamento respiratorio independente; a creación doutra sala de espera respiratoria independente da anterior; unha porta de acceso exterior á sala de illamento; unha porta de acceso interior dende a sala de espera respiratoria; e a colocación de timbres en ambas entradas.

O Sergas foi notificado no día de onte do remate das obras e agarda que cumpra o compromiso de incorporar o médico ao consultorio o luns da vindeira semana, tal e como se acordara.