Os bancos de Santa María xa locen co novo contrato de sostemento

12
  • Xa están instalados os 6 da praza e retirados os de Arcebispo Malvar para tratarse en taller porque dan chuvia nos vindeiros días.
  • Logo de Paseo Colón e da Corva, continuarase por María Victoria Moreno, Raíña Vitoria, Campolongo e Monte Porreiro.

A praza de Santa María loce xa cos primeiros bancos arranxados a cargo do novo contrato de sostemento de bancos que puxo en marcha esta semana a Concellaría de Mantemento do Espazo Urbano, xestionado por Eva Vilaverde. Trátase de actuar neste mobiliario urbano que polo paso do tempo ou polo uso, está deteriorado ou roto, nalgúns dos casos, para que recuperen o seu estado orixinario e poidan ser empregados con confianza por parte de todos os pontevedreses e pontevedresas.

A reparación dos bancos que realiza a empresa Edigrup por valor de 15.000 euros, comezou polos 6 asentos da praza de Santa María, un dos lugares máis empregados e concorridos da cidade por persoas de todas as idades, onde este tipo de mobiliario urbano é indispensable. Está pendente restaurar o banco-xardineira da praza, que terá que facerse in situ.

Os traballos consisten no decapado da madeira a base de lixado, logo vernízase ou se pinta (de ser o caso). Os elementos de metal tamén se lixan e se pintan. Finalmente colócanse no lugar retirado. Neste proceso substitúense madeiras que poidan estar rotas ou perigosas, así como os pés que tamén poidan estar en mal estado.

Xa se retiraron os 2 bancos de Arcebispo Malvar diante da fachada da basílica, e está pendente de retirar os outros 6 que hai na rúa. Dado que a vindeira semana está previsto chuvia, estes asentos trataranse no taller e logo colocaranse, ao igual que os de Paseo de Colón (6 bancos), que se restaurarán a continuación.

Nesta primeira fase de traballos tamén están incluídos 5 bancos na rúa da Corva, en Salcedo.

María Victoria Moreno, Campolongo, Raíña Vitoria…

Este contrato de mantemento que comeza coa restauración de 25 bancos, continuará, seguidamente, polas rúas María Victoria Moreno (diante da residencia da Terceira Idade), o parque de Campolongo (diante da Igrexa de San Xosé), Raíña Vitoria (ante o instituto Sánchez Cantón) e no barrio de Monte Porreiro.

Dado que se trata dunha actuación integral e prolongada no tempo tamén se supervisarán outros barrios como A Parda, Eduardo Pondal, o Burgo… 

A Concellaría de Sostemento dos Espazos Públicos ten claro que o bo estado de uso dos bancos da cidade é fundamental no obxectivo do departamento de buscar a excelencia dos espazos públicos da cidade e do seu mobiliario.