A Agrupación Socialista de Pontevedra incorpora á arquitecta María Pierres ao Consello da Muller

137
  • A cofundadora do Espacio Arroelo foi voceira de Igualdade, Vivenda e Urbanismo polo PSdeG e vicepresidenta da Comisión de Igualdade no Parlamento de Galicia durante a pasada lexislatura

O tenente de alcalde e secretario de Organización da Agrupación Socialista de Pontevedra, Tino Fernández, acaba de remitir ao Servizo de Igualdade un escrito no que lle informa da decisión do partido de incorporar á arquitecta María Pierres López ao Consello da Muller como representante da Agrupación. Pierres foi voceira de Igualdade, Vivenda e Urbanismo polo PSdeG e vicepresidenta da Comisión de Igualdade do Parlamento de Galicia durante a pasada lexislatura.

A cofundadora do espazo de coworking para o emprendemento na cidade Espacio Arroelo (en 2013) e do grupo Cohousing Galicia (en 2020) exerce a profesión libre como arquitecta dende 2005 e é secretaria da Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), así como integrante da Comisión de Xénero da entidade colexial. 

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, amósase “entusiasmada” cunha incorporación “de tanto nivel humano e profesional” como María Pierres ao Consello da Muller, “unha compañeira da que, ademais da súa enorme implicación na loita e reivindicación do papel da muller na nosa sociedade, hai que destacar a súa inxente capacidade de traballo e o corazón que lle pon a todo o que fai”.