O Concello aproba esta semana as bases definitivas das axudas para microempresas e autónomos pola Covid

173
  • O seguinte paso na tramitación será remitilas á Base de Datos Nacional de Subvencións para a súa publicación no BOPPO
  • Esta liña de subvencións, dotada con 1.250.000 euros, financiará ata o 70% do total dos proxectos e cun máximo de 5.000 euros por solicitude. Tamén contempla un anticipo do 75% do importe da axuda concedida

A concelleira Carme da Silva anunciou esta mañá que ao longo desta semana terá lugar unha Xunta de Goberno local extraordinaria para aprobar as “bases reguladoras para a concesión de subvencións para a innovación e reactivación do sector económico e comercial do Concello de Pontevedra, dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas e entidades de economía social” coa finalidade de paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.

Da Silva explicou que toda vez rematados os traballos administrativos por parte dos servizos municipais para a elaboración das bases e tras a aprobación definitiva en Xunta de Goberno, o seguinte paso será na tramitación será remitir as bases á Base de Datos de Subvencións estatal para a súa posterior publicación no Boletín.

Entre os traballos administrativos realizados para sacar adiante esta convocatoria, a concelleira mencionou a modificación de crédito, xa en vigor, e a solicitude de autorización á Dirección Xeral da Administración Local da Xunta, posto que a materia das subvencións non é de competencia municipal. “Para poder conceder este tipo de subvencións que non son estritamente de competencia municipal porque son subvencións en materia económica, houbo que formularlle á Dirección Xeral de Administración Local unha autorización para poder sacala adiante” explicou Carme da Silva. A concelleira informou que tras esta solicitude, a a Dirección Xeral autonómica lle comunicou ao Concello “que estas axudas se poden convocar sempre que sexan subvencións vinculadas coa Covid-19, e que non se subvencionen outro tipo de cuestións que non estean relacionadas coa situación de crise derivada da Covid-19”. 

Carme da Silva lembrou que esta liña de axudas conta cun orzamento inicial de 1.250.000 euros e que están destinadas a accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma. Poderán presentar solicitudes as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e microempreses que empreguen a menos de 10 persoas. A porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude. Tamén se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.

As bases contemplan 5 liñas de actuacións:

  • Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais
  • Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a acividade económica, comercial ou profesional
  • Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional
  • Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética
  • Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates