O peche de Raíña Vitoria ao tráfico será efectivo a partires deste xoves

50
  • Esta medida, acordada coa Fanpa, a Anpa e a dirección do centro, implica cambios nas rúas colindantes e un plan de tráfico específico para esta zona
  • Durante hoxe e mañá estase procedendo aos traballos necesarios para a instalación de morróns entre Pastor Díaz e Palamios, e despois da entrada ao estacionamento de Montero Ríos

Durante a xornada de hoxe e de mañá estanse realizando os traballos precisos para que este xoves, a partires das 8h da mañá, quede a rúa Raíña Vitoria Uxía pechada ao tráfico, entre a entrada ao estacionamento de Montero Ríos e a rúa Palamios, co obxecto de facilitarlle ao centro de ensino IES Sánchez Cantón o cumprimento do protocolo Covid na entrada e saída e nas horas de descanso. 

Nestas dúas xornadas previas estase procedendo a deixar instalados os elementos precisos para a colocación de morróns, así como a sinalización necesaria para indicar tanto a restrición do tráfico neste treito como os cambios que o peche implica nas rúas San Roque, Palamios e Pastor Díaz. Os morróns quedarán colocados entre Pastor Díaz e Palamios e despois da entrada ao estacionamento de Montero Ríos.

Cambios nas rúas colindantes:

  • Rúa Palamios: 
    • establecerase unha liña de servizos e de carga e descarga en fronte da fachada do IES
    • na saída traseira do IES reordenarase o espazo, eliminado a actual zona de estacionamento, para gañar máis espazo público para o centro do ensino e garantir a saída do alumnado en condicións de seguridade. 
  • Rúa de San Roque: diante da gardería do Toxo establecerase unha nova zona de servizos, tamén para uso da gardería, mentres que a zona de reserva para o bus turístico quedará establecida na marxe de enfronte.
  • O acceso ao garaxe da rúa Pastor Díaz 25, que ten a entrada por Raíña Vitoria Uxía, realizarase desde a rúa Palamios

Plan de tráfico: 

  • A entrada e saída para a praza de Galiza recoméndase pola rúa Xeneral Rubín
  • Desde San Roque poderase acceder á entrada do estacionamento soterrado de Montero Ríos e cara a rúa Alameda
  • As rúas San Xosé e Pastor Díaz quedan restrinxidas a servizos e residentes