O Concello reformula a súa política cultural para reactivar o sector

177
  • Elaborará unha diagnose sobre a situación do sector e o seu impacto económico co obxecto de crear un ‘Puntazo Cultural’ e un plan estratéxico 
  • Constituirá un Consello Asesor da Cultura de cara a colaborar en propostas e  no deseño dunha convocatoria de axudas
  • Acometerá a reforma dos equipamentos culturais, comezando polo Teatro Principal, e disolverá o organismo autónomo do Pazo a finais de ano

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, fixo públicos esta mañá os principais piares nos que se sustenta a reformulación estrutural que o Concello porá en marcha en materia de política cultural, co obxectivo último de reactivar o sector cultural da cidade na “era Covid e na era pos-Covid”. Trátase dunha planificación que abrangue desde a diagnose do sector e a elaboración dun plan estratéxico, ata a creación dun Consello Asesor, pasando pola reforma dos equipamentos culturais e a disolución do organismo autónomo do Pazo a finais deste exercicio. 

“O que buscamos é mellorar a xestión, optimizar os recursos económicos e dar a mellor cultura para a mellor cidade” indicou Carme Fouces. A concelleira asegurou que ante a situación de crise xerada pola pandemia “somos ambiciosas e non nos poñemos ningún límite, e ás veces estas situacións difíciles ofrecen oportunidades e nós estamos en disposición de aproveitar todas as oportunidades para mellorar a cultura, mellorar a cidade, facer que a cultura realmente sexa sanadora porque é unha cuestión tamén de saúde pública, e preséntasenos por diante un panorama moi ilusionante que imos afrontar con forza e con ambición”. Neste sentido, explicou que desde o pasado mes de maio, data na que o alcalde e a concelleira se reuniran co sector cultural da cidade, “levamos traballando todos estes meses nun plan de reactivación que vai máis alá da programación, senón que é un traballo moito máis de fondo”.

Diagnose

Carme Fouces situou no primeiro lugar desta planificación a elaboración dunha diagnose da cultura en Pontevedra. “Queremos saber como afectou a pandemia e como se están reinventando os proxectos” indicou, polo que tomando como base o informe que o Consello da Cultura Galega publicou en xuño “imos elaborar un informe propio adaptado a Pontevedra que nos dé o mapa cultural da cidade, coa vista posta na creación dun Puntazo Cultural que funcione como foro e que permita compartir sinerxias entre todos os actores culturais”. Esta diagnose está enfocada a coñecer a saúde do sector e o impacto económico na cidade, para o que tamén se aproveitará o traballo realizado desde o Observatorio da Universidade de Vigo. 

Reforma Teatro Principal

En canto aos equipamentos culturais -Pazo da Cultura, Sala de Exposicións do Pazo, Recinto Feiral e Teatro Principal- serán obxecto das reformas de mellora incorporando os criterios sanitarios vixentes. A concelleira explicou que por tratarse de espazos moi usados, tanto desde a área de Cultura municipal como a través de cesións a outras entidades e colectivos, son espazos que precisan obras de mellora pero que agora a Covid-19 acelerou estas reformas. O primeiro espazo no que se intervirá será o Teatro Principal, cuxo proxecto está xa practicamente ultimado, e acometaranse obras para mellorar a accesibilidade a todas as plantas do edificio e a eficiencia enerxética, traballos para mellorar a iluminación e algún reforzo estrutural. 

Consello Asesor

Carme Fouces tamén anunciou a constitución dun Consello Asesor da Cultura “orientado a analizar a diagnose do sector, analizar as potencialidades que ten a cidade, propor accións culturais enmarcadas nun plan estratéxico e deseñar unha convocatoria de axudas ao sector”. “En definitiva, que nos vaia alumeando e botando luz no camiño” afirmou.
Unha das primeira tarefas deste Consello Asesor será a de colaborar no deseño dunhas xornadas, previstas para o primeiro trimestre de 2021, e que terán como eixo central a economía e a cultura. A idea é, en palabras de Carme Fouces “facer unhas xornadas que sexan referencia na materia, cunha publicación que recolla os relatorios, e que dea pé á elaboración dun libro branco ou dun decálogo para reenfocar, desde a Administración local, o ámbito cultural na era Covid e pos-Covid”. 

Disolución organismo autónomo do Pazo

Por último, a concelleira anuncou que o Concello vén de tomar a decisión organizativa  interna para facer efectiva a disolución do organismo autónomo do Pazo a finais deste ano. En virtude desta disolución o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral, a Sala de Exposicións do Pazo e o Teatro Principal pasarán a ser servizos propios do Concello. 

Fouces explicou que “esta era unha decisión que fomos adiando pero que xa facía tempo que estaba enriba da mesa, e máis desde que se disolveu o IMD -Insituto Municipal de Deportes-“. Lembrou que este tipo de estruturas “tiveron certo interese no seu tempo pero actualmente xa non son operativas e provocan unha duplicidade de servizos que consumen importantes recursos e aínda así están mal atendidos porque é imposible ter todo o que precisan”. Tas a disolución do organismo autónomo do Pazo, o Concello pasará a aprovisionar o Pazo, Teatro e Recinto Feiral das necesidades que teñan en arquitectura, enxeñería, informática, ou saúde laboral. En todo caso, Fouces asegurou que “o público non notará ningunha diferenza porque se trata só dunha cuestión interna administrativa”.