O Concello instalará na Praza de España un monolito de 4 metros cun código QR para sinalar o Km 0 das fascinantes rutas verdes e históricas de Pontevedra

136
  • A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco, elabora unha guía turística de itinerarios por espazos naturais, parques e xardíns urbanos titulada ‘Pontevedra Verde’
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible, dirixida por Iván Puentes, publica a ‘Guía de Bolboretas do ENIL da Xunqueira’, na que se recollen datos sobre as 43 especies detectadas neste contorno

Un monolito de 4 metros de altura que as concellerías de Promoción Económica e Turismo e de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural instalarán fronte as Ruínas de Santo Domingo sinalará a partir da vindeira semana ás portas da sede de Turismo de Pontevedra o Km 0 da inxente e fascinante proposta de rutas turísticas, verdes e históricas que ofertan o noso municipio e a nosa comarca. A idea de establecer este fito, que marcará o punto de saída cara varios dos principais itinerarios medioambientais e patrimoniais do concello, foi presentado esta mañá polos responsables destas áreas de goberno, Yoya Blanco e Iván Puentes, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Turismo (que se celebra o domingo 27 baixo o lema de ‘Turismo e Desenvolvemento Rural) e coincidindo coa elaboración dunha guía de roteiros por espazos naturais, parques e xardíns urbanos titulada ‘Pontevedra Verde’ e a publicación da ‘Guía de Bolboretas do ENIL da Xunqueira de Alba’.

O acto contou coa presenza do tenente de alcalde, Tino Fernández, de Saleta González Pimentel, xerente da firma Equilátero Desenvolvemento Sostible Consultores, que participou na elaboración dámbalas guías, e dos tamén naturalistas José Rodrigo Dapena e Miguel Ángel Fernández-Martínez, coautores xunto con González do manual sobre os insectos lepidópteros. A intención dos concelleiros socialistas é a de poñer en valor as diversas rutas, cheas de riqueza natural, histórica e patrimonial, que parten da Praza de España: dende a Alameda e As Palmeiras, o barrio da Moureira, a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, o río dos Gafos, o centro histórico, a ría de Pontevedra, o Lérez ou os roteiros Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas até o Camiño Portugués, o Pazo de Lourizán, O Pontillón do Castro, a enseada de San Simón, Santa María de Xeve, Ponte Sampaio, o ríos Verduxo e Almofrei, As Mouras (Salcedo) ou a Serra da Fracha.

Tal e como sinalou a responsable municipal de Promoción Económica e Turismo, “moitos destes tesouros existentes no contorno da nosa cidade forman precisamente parte da completa guía ‘Pontevedra Verde’, publicada polo seu departamento co obxectivo de poñer de relevo e dar a coñecer entre @s turistas que nos visitan o conxunto de recursos naturais cos que conta o concello”. “A través das súas 16 páxinas, @s visitantes poderán informarse do conxunto de espazos naturais, parques, xardíns e rutas existentes, tanto no seo da propia cidade como nos seus arredores e no resto do municipio”, explicou Blanco.

Os espazos naturais de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba e do río dos Gafos, as zonas de Espacial Conservación (ZEC) do río Lérez e da enseada de San Simón, a Illa das Esculturas, a ría de Pontevedra, o parque forestal e deportivo do Pontillón do Castro ou o Xardín Botánico de Lourizán son algúns dos enclaves referenciados en ‘Pontevedra Verde’, a disposición d@s visitantes para libre descarga en formato pdf compatible para dispositivos móbiles no apartado de folletos e guías da web de Turismo de Pontevedra (reservas.visit-pontevedra.com).

Un intenso labor de mostraxe durante os últimos dez anos

A ‘Guía de Bolboretas do ENIL da Xunqueira de Alba’ publicada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural recolle a información básica sobre as 43 especies de bolboretas diúrnas rexistradas neste espazo grazas a un intenso labor de mostraxe levado a cabo no lugar durante os últimos dez anos polos naturalistas José Rodrigo Dapena, Miguel Ángel Fernández-Martínez e Saleta González Pimentel. “Unha cifra verdadeiramente salientable -asegurou Iván Puentes-, ao tratarse dun contorno periurbano de marisma cunha superficie de apenas 67 hectáreas, e que equivale a máis do 30% das especies rexistradas en Galicia e aproximadamente un 17% de tódalas citadas na Península Ibérica, o que reflexa, sen lugar a dúbidas, a gran riqueza medioambiental deste pequeno enclave do municipio pontevedrés”.

A guía, profusamente ilustrada con fotografías, estrutúrase en dúas partes ben diferenciadas. A primeira, de tipo introdutorio, aborda diversas xeneralidades relacionadas con estes marabillosos insectos, como o seu ciclo biolóxico, a súa anatomía e as ameazas que se cernen sobre eles, así como unha serie de interesantes consellos aplicables á hora de tentar fotografalos con éxito. A segunda parte é a formada polo corpo de fichas descritivas, onde para cada unha das especies, ademais da súa descrición e clasificación sistemática, se reflicten diversos aspectos como o tamaño, o grao de ameaza, a época de voo, o hábitat e as plantas nutricias, os seus costumes, a distribución xeográfica, as especies semellantes que podemos atopar no lugar e o estado das poboacións existentes no ENIL.

Un código QR que accederá á información detallada dos espazos

O monolito que sinalará o Km 0 das rutas que nacen na Praza de España foi concebido como un fito de alta visibilidade que quedará instalado fronte ás Ruínas de Santo Domingo, nas inmediacións dos actuais monolitos de información turística, que tamén serán actualizados. Medirá 3 metros de alto e irá elevado do chan un metro, polo que adquirirá unha altura de 4 metros, e como apuntou Iván Puentes, “estará dotado dun código QR que enlazará coa web da Concellería de Desenvolvemento Sostible na que están referenciados tódolos espazos coa súa xeolocalización, extensión, grao de dificultade e mapa da ruta”. A súa superficie será de cor vermella para gañar visibilidade e servir de punto de referencia de doada localización para as persoas que participen nos roteiros.

Segundo apuntou Yoya Blanco, “a súa forma ten que ver coas iconas de localización dos mapas electrónicos, se ben esa tradicional bágoa invertida foi estilizada ao máximo para gañar prominencia visual e ao mesmo tempo non ‘estorbar’ nun espazo sensible para o turismo urbano como é esa zona da Praza de España”. “Será un obxecto elegante, que ao tempo resulte idóneo como ‘chamada’ non sexa molesto para o contorno. Agardamos que a vindeira semana estea xa colocado no seu lugar”, avanzou a concelleira socialista.