Aprobadas as bases de Supera20, a convocatoria de axudas para micro pemes e autónomos pola Covid

141
  • A previsión é que todos os beneficiarios dispoñan da maior parte do importe concedido en cada solicitude neste ano
  • As solicitudes deberán realizarse a través da Sede Electrónica nun prazo de quince días a partires da publicación das bases no BOPPO 
  • O Goberno local non descarta a posibilidade de realizar outra convocatoria en función do número de solicitudes e da evolución da crise sanitaria

Tal e como estaba previsto, a Xunta de Goberno extraordinaria celebrada esta mañá vén de aprobar as bases da convocatoria Supera20, as axudas que o Goberno local deseñou  para que micro pemes e persoas autónomas poidan paliar a primeira ola da crise da Covid-19. Sobre o contido das bases informou a concelleira de Réxime Interior e portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen asegurou que o “obxectivo básico destas axudas é o de preservar a economía local, maioritariamente a de proximidade” e que neste sentido “se deseñaron unha axudas que non son un recurso meramente asistencial senón que pretendemos que teñan un efecto multiplicador sobre a economía da cidade”. 

Tamén indicou que a idea de nomear esta convocatoria como Supera20 responde a que “desde o Concello pensamos que é necesario ter unha ferramenta propia para superar e para deixar atrás os efectos da crise sanitaria na cidade de Pontevedra, que ademais é unha ferramenta diferente e novidosa”. Explicou que a creación desta ferramenta “supuxo un esforzo moi grande neste Concello tanto no eido económico como no administrativo”. No eido económico menciou o importe destinado a esta liña de subvencións, que ascende a 1.250.000 euros, e que por beneficiario pode acadar os 5.000 euros. “Esforzámonos porque fosen unhas axudas cuantiosas e considerables fronte a outras que xurdiron noutros lugares de forma máis precipitada e anecdótica, de 100 ou 200 euros”. No eido administrativo asegurou que esta convocatoria “supuxo un reto importante para buscar todos os mecanismos que permitisen axilizar a concesión destas axudas, co obxectivo de que a maior parte dos beneficiarios neste ano teñan o importe nas súas mans”. Por último, tamén fixo fincapé no que denominou o “efecto multiplicador”, xa que a maior parte dos conceptos subvencionables están pensados para que sexan asumidos por provedores locais ou da zona, co obxecto de propiciar que os beneficiarios das axudas invistan en negocios da contorna.

Lembrou que poderán solicitar estas axudas as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e micro empresas que empreguen a menos de 10 persoas  e que acrediten que non tiveron actividade durante o estado de alarma, que a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto (cunha contía máxima de de 5.000 euros por solicitude), e que se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.

O prazo será de 15 días, a partires do día seguinte da publicación das bases no BOPPO por parte da Base Nacional de Subvencións, e a presentación de solicitudes deberá facerse única e exclusivamente a través da Sede Electrónica. O Concello tamén habilitará un teléfono para aquelas persoas que teñan algunha dificultade cos trámites electrónicos.

As bases contemplan 5 categorías de actuacións, que non son excluíntes:

  • Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais
  • Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a acividade económica, comercial ou profesional
  • Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional
  • Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética
  • Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates

Cada unha destas categorías contará cunha puntuación que será ponderada cunha categoría de “esforzo máximo da solicitante” que se corresponde coa porcentaxe de financiamento propio  e que se baremará segundo unha fórmula detallada nas bases. 

Anabel Guías explicou que tras a aprobación destas bases en Xunta de Goberno foron enviadas hoxe mesmo á Base Nacional de Subvencións para a publicación no BOPPO. En todo caso, e de cara a facilitar a difusión destas bases, todas as persoas interesadas poderán consultalas na páxina web do Concello. Tamén indicou que desde o Goberno local non se descarta a posibilidade de realizar unha segunda convocatoria destas axudas, atendendo a número de solicitudes e á evolución da crise sanitaria.