Máis de 600 piragüistas e 45 equipos participarán mañá en augas do Lérez na III edición do Trofeo Internacional Entre Pontes Cidade de Pontevedra

148
  • O evento patrocinado pola Concellería de Deportes desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas, cun circuíto de 6.800 metros que terá saída e chegada no Peirao das Corbaceiras 
  • O tente de alcalde, Tino Fernández, sinala que “haberá dous puntos de control con persoal de seguridade e que o uso de mascarilla será obrigatorio ata o momento exacto do embarque”

Unha cifra récord de 605 piragüistas, 45 equipos e 451 embarcacións participarán mañá en augas do río Lérez no III Trofeo Internacional Entre Pontes Cidade de Pontevedra, organizado pola Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), a International Canoe Federation e a Federación Galega de Piragüismo (FGP) grazas ao patrocinio da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde. O evento, que tiña que celebrarse no mes de xuño e no que competirán deportistas de categorías que van de cadetes a veteráns en disciplinas de K1, C1, K2 e C2, desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas, nun circuíto cunha distancia común de 6.800 metros, con saída e chegada no Peirao das Corbaceiras, e ciabogas (puntos de xiro) situadas antes da Ponte do Burgo e a liña de saída.

A regata foi presentada hoxe no Concello polo presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Óscar Ponte (que estivo acompañado por outros membros do club), o presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen asegurou que “como outros eventos deportivos celebrados na nosa cidade cun éxito rotundo no cumprimento dos protocolos anti Covid-19, as medidas de seguridade que se aplicarán neste Trofeo Internacional entre Pontes serán dun rigor absoluto”. 

Tal e como explicou o edil socialista, “o público non poderá entrar en ningún momento na zona pechada para os deportistas; haberá dous puntos de control con persoal de seguridade e da organización; o uso de mascarillas será obrigatorio ata o momento exacto do embarque; os árbitros de control de embarque non deixarán pasar a ningún deportista que vaia sen mascarilla; haberá contedores especialmente habilitados para poder desfacerse delas; a organización entregará unha mascarilla a cada participante na súa chegada á meta; o acceso aos vestiarios estará prohibido e unicamente se poderá acceder aos baños químicos que se coloquen fora do recinto, e haberá un baño químico para os familiares que teñan que estar fora do mesmo”.

Asemade, haberá tres zonas de estacionamento habilitadas en exclusiva para os clubs no Peirao das Corbaceiras, a curva da avenida das Corbaceiras e o aparcadoiro do restaurante Casa Digna. “Recomendamos a aqueles que queiran seguir esta trepidante e explosiva regata que o fagan dende o paseo que percorre o río, xa que dende a zona da avenida de Marín pode verse a meta de fronte e dende a avenida das Corbaceiras pode seguirse a proba ao completo. Ademais, a ciaboga poderá desfrutarse por primeira vez con toda comodidade dende unha Ponte do Burgo peonil. En todo caso, lembramos a tódolos asistentes a súa responsabilidade legal de evitar aglomeracións de manter a distancia social de 1,5 metros”, indicou Tino Fernández.

Un circuíto de dúas voltas con tres boias de paso

Segundo precisou Óscar Ponte, “os piragüistas de tódalas categorías terán que dar dúas voltas ao circuíto para completar os 6.800 metros, atopándose no percorrido con tres boias de paso: a primeira na curva do Peirao (que non é obrigatorio coller na saída), a segunda debaixo da Ponte da Barca e a última na punta do pantalán do Club Naval”. As ciabogas faranse en sentido horario.

As primeiras saídas serán as das categorías de Canoa Masculina Júnior-Cadete e Canoa Feminina (C1 e C2), que partirán das Corbaceiras ás 10:00 horas, mentres que a de Kayak Feminino Cadete (K1 e K2) farao ás 10:05 horas, a de Canoa Masculina Sénior e Canoa Masculina Veterano (C2 e C1) ás 11:15 horas e as de Kayak Feminino Sénior, Veterana e Júnior (K1 e K2) ás 11:20 horas. A proba de Kayak Masculino Cadete-Veterano K2 dará comezo ás 12:15 horas, a de Kayak Masculino Cadete K1 ás 12:20 horas, a de Kayak Masculino Veterano K1 ás 12:25 horas, a de Kayak Masculino Sénior-Júnior K2 ás 13:15 horas e a de Kayak Masculino Sénior-Júnior K1 ás 13:20 horas.

O presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra avanzou que “a entrega de premios de cada categoría realizarase unha vez que cheguen os tres primeiros postos da mesma e na zona de entrega non poderá haber ninguén que non sexa técnic@ dos clubs premiados, prensa, staff ou a/o propio deportista premiad@”.

“De contar cos clubs portugueses podería superar incluso ao Sella”

O presidente da FGP asegurou que os máis de 600 padexeiros que tomarán parte nesta III edición supoñen unha cifra récord de participación e que, “no caso de que tivesemos contado cos clubs do Norte de Portugal poderiamos estar a falar de máis de 1.000 deportistas e de superar incluso ao intocable descenso do Sella”. Alfredo Bea afirmou que a FEG e os clubs tiñan moi claro que “había que adaptarse aos novos tempos” e que os organizadores chegan a este Entre Pontes “cuns protocolos de seguridade xa asimilados ata polos máis cativos”.

En opinión de Tino Fernández, este evento “vai volver poñer en valor a importancia dun deporte estratéxico para Pontevedra e que engancha a todo o que a proba”. “Organizar estas cousas en tempos de pandemia é de heroes, require dun esforzo titánico”, aseverou.

É posible consultar toda a información sobre a regata na páxina web ‘https://trofeoentrepontes.com/’.