O Froebel utilizará a rúa Alfonso XIII como patio durante o horario de recreo

14
  • O peche ao tráfico desta rúa realizaríase co obxecto de fornecer ao alumnado dun espazo axeitado para poder saír durante o descanso das aulas
  • A entrada e saída para residentes quedaría habilitada pola rúa Echegarai 
  • Durante o horario do recreo, de 11:30 a 12:15h, non se permitirá a entrada a ningún vehículo

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, anunciou esta mañá que o Concello pechará ao tráfico a rúa Alfonso XIII co obxecto de fornecer ao alumnado do CEIP Froebel dun espazo axeitado para poder saír durante o descanso das aulas. O concelleiro, que mantivo esta mañá unha reunión coa dirección do centro educativo, explicou que “nos colexios se están tomando medidas realmente moi radicais que afectan ao ensino, á educación, ao traballo das mestras e mestres e tamén ao desenvolvemento das crianzas, porque nalgúns casos está habendo limitacións moi graves para os xogos dos nenos e das nenas”. No caso destas limitacións para os xogos de nenos e nenas situou o colexio Froebel, onde o alumnado debe permanecer durante cinco horas dentro da aula por carecer dun patio ao que saír. 

Esta solución para utilizar a rúa como patio sería similar, segundo explicou Demetrio Gómez, á adoptada co colexio de Barcelos e a medida activarase toda vez que se realice o trámite administrativo necesario, mediante o que a Consellaría de Educación cursa solicitude ao Concello para dispoñer dese espazo.

O peche de Alfonso XIII ao tráfico implica que durante os tres cuartos de hora do recreo, entre as 11:30 e as 12:15h, non poderá acceder ningún vehículo a esta rúa e o resto da xornada quedaría habilitada para a entrada e saída de residentes desde a  rúa Echegarai, para o que será preciso eliminar a zona de aparcadoiro de servizos e habilitar o dobre sentido de circulación.

Demetrio Gómez tamén aproveitou para valorar as primeiras xornadas tras o peche ao tráfico de Raíña Vitoria Uxía entre a entrada ao estacionamento de Montero Ríos e a rúa Palamios, co obxecto de facilitarlle ao centro de ensino IES Sánchez Cantón o cumprimento do protocolo Covid na entrada e saída e nas horas de descanso. Asegurou que “a medida funciona correctamente, non está dando ningún problema e non hai retencións”. En canto ao funcionamento das rúas colindantes explicou que, a petición da veciñanza, se cambiará o sentido do treito da rúa Palamios que sae cara a rúa Rosalía de Castro.