O Plan Impulsa de #PonteLovers pon en marcha este xoves as súas reunións grupais de xeito virtual

31
  • O programa impulsado por Yoya Blanco desenvolve dende o mes de xuño mentorías individuais con 15 negocios. Un centenar de persoas están convidadas a participar nos encontros grupais

O programa Plan Impulsa, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers, leva dende o pasado mes de xuño ofrecendo mentorías individuais a 15 negocios de Pontevedra coa finalidade de superar estes momentos de incerteza. Unha vez que estas mentorías individuais xa superaron o seu ecuador, o vindeiro xoves 1 de outubro poranse en marcha as reunións grupais, co obxectivo de que as persoas inscritas se coñezan e poidan xerar un ambiente de confianza para facer ‘rede’.

Debido á situación sanitaria motivada pola pandemia da Covid-19, estes encontros grupais celebraranse por medios telemáticos (a través da plataforma Zoom), co seguinte calendario: os xoves 1 e 29 de outubro e 26 de novembro, en horario de 20:30 a 22:00 horas. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que participará na reunión inaugural deste xoves, explica que o Plan Impulsa “está a axudar a 15 pemes a adaptarse á nova normalidade”, ao tempo que xestionou máis de 100 inscricións de persoas “que están convidadas a participar nos encontros grupais”. “O obxectivo do programa -lembra a socialista- é apoiar aos negocios do concello a desenvolver estratexias empresariais en tempos tan incertos como os que estamos a vivir”.

Segundo constata, as mentorías que se están a realizar son totalmente personalizadas e dependen da folla de ruta deseñada exclusivamente para cada empresa, polo que “ningunha ten as mesmas características que a outra, o que incrementa o valor das estratexias do empresariado participante”.  “Hai persoas que teñen como obxectivo principal potenciar a súa estratexia de dixitalización, facendo especial fincapé no márketing dixital, mentres que outras traballan máis a área económica e financeira, analizando rendibilidades, tanto por produto como por cliente”, sinala Mariem Filgueira, a sherpa empresarial encargada de organizar e desenvolver o programa municipal.

Tal e como apunta Filgueira, entre as liñas que se traballan no Plan Impulsa inclúense “a revisión das previsións de ingresos e gastos, a elaboración de plans de tesourería, o deseño de cadros de mando cos principais indicadores, a reorganización da carteira de produtos/servizos, a análise de posibilidades de refinanciación ou o plan de contidos para redes e medios dixitais”.

A concelleira Yoya Blanco fai un chamamento a tódalas persoas que teñen negocios en Pontevedra a que se inscriban nas reunións grupais, poñéndose en contacto co equipo organizador a través dos seguintes medios: o teléfono 625 12 04 75, a páxina ‘www.planimpulsa.org’, a dirección de correo electrónico ‘planimpulsa.pontevedra@gmail.com’ e as páxinas de Facebook e Instagram @planimpulsa_pontevedra.