O programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ concienciará ao alumnado da cidade sobre a lingua de signos e a comunicación coa poboación xorda

383
  • A iniciativa, promovida pola Concellería de Benestar Social en colaboración con Xoga, inclúe a distribución dun vídeo didáctico interpretado por Nelson Quinteiro polos centros educativos

No seu propósito de superar as limitacións invisibilizadas que cada día se interpoñen na vida das persoas con diversidade sensorial e de acadar a accesibilidade universal, a inclusión e a comunicación sen límites, a Concellería de Benestar Social, que dirixe Marcos Rey, porá en marcha o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ en colaboración coa organización de persoas xordas Xoga. O proxecto, que ten o obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa en torno ao coñecemento da lingua de signos e a comunicación coa poboación xorda, con perda auditiva e xordocega, foi presentado esta mañá polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e o tenente de alcalde e edil de Educación, Tino Fernández, acompañados pola presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, e o cantante Nelson Quinteiro.

Tal e como indicou Rey, “o programa está dirixido ao alumnado e ao profesorado de 3º e 4º curso de Primaria dos centros educativos do concello, así como ás nais e pais, e inclúe a difusión dun vídeo con letra e música do tema ‘Nun Bou’, pertencente ao quinto clip do disco ‘Músicas de Domingo’, interpretado por Nelson Quinteiro co pianista Brais González”. “A partir do mesmo elaborouse outro vídeo didáctico específico que permitirá sensibilizar e visualizar o emprego da lingua de signos nas aulas. Esta peza audiovisual será de uso exclusivo para os centros escolares e completarase cunha unidade didáctica con indicacións para implementarse nos colexios, camisetas da iniciativa e un signobulario que amosa cada unha das palabras e expresións empregadas no vídeo, así como algunhas nocións sobre saúdos e sobre como comunicarse de forma básica mediante lingua de signos”, explicou o socialista.

O concelleiro de Benestar Social subliñou o feito de que, se ben nun primeiro momento o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ ía ter carácter presencial e a desenvolverse só nalgúns centros, “a situación sanitaria obrigou a reformulalo e a optar por este vídeo que permitiu converter a debilidade en virtude: agora vai chegar aos máis de 20 colexios de Pontevedra”. Ao igual que o proxecto educativo, a rolda de prensa celebrada hoxe tivo un carácter inclusivo, contando coa axuda de ILS (Intérpretes de Lingua de Signos) e o emprego de mascarillas comunicativas cedidas por Xoga e por Aice (Federación de Asociacións de Implantados Cocleares de España), o que, como apuntou o tenente de alcalde, Tino Fernández, “axuda a superar as barreiras impostas por esta nova normalidade e insertar no centro da tela unha película transparente que permite a visualización dos beizos, mantendo a protección e a seguridade e a comunicación entre todas e todos”. 

Un vídeo gravado cos máis pequenos

María Jesús Monterde agradeceu o labor do Concello de Pontevedra a prol da diversidade sensorial e tamén a especial implicación “altruísta e desinteresada” do artista Nelson Quinteiro neste proxecto “dende o primeiro momento”, facendo algo tan complicado como “signar a canción e cantar ao mesmo tempo”. A propia filla da presidenta de Xoga, “que é Coda (fill@s de nais e pais xordos), pero non é unha intérprete de lingua de signos”, tomou parte na gravación do vídeo musical xunto coas sobriñas do intérprete, “o que permitiu aproveitar ese xeito de signar máis suave que teñen os nen@s para que tod@s o poidan entender”.

Para Quinteiro, trátase dun proxecto “realmente ilusionante, lindísimo e entrañable, que merecía moito a pena e que se converteu nunha sorte de Masterchef Júnior feito na casa”. “O vídeo gravouse nunha velada que enfocamos como un obradoiro de actividades que a rapazada podía facer coas súas mans”, explicou o artista.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación subliñou o traballo de Xoga, “que con iniciativas tan interesantes como esta contribúe a que todas e todos se sintan participes da nosa sociedade en condicións de igualdade” e indicou que, “dentro das desgracias que nos trouxo a Covid-19, tamén nos deixou algunha lección, como a importancia que a lectura dos beizos ten para as persoas xordas e de aprender a vivir e convivir cos signos”. “Os nenos son como esponxas e capaces de aprender varias linguas, así que este programa será de gran utilidade para os rapaces de 3º e 4º de Primaria”, engadiu.

O programa será desenvolvido polo colectivo Xoga, entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos fundamentais, a calidade de vida e o benestar das persoas con diversidade sensorial mediante a oferta de servizos e actividades inclusivas, e que forma parte da Federación Española de Xordocegueira.

Velaquí o vídeo da peza musical ‘Nun Bou’: