A Concellería de Deportes recibe solicitudes de 67 clubs da cidade para as subvencións anuais de 2019

124
  • O departamento que dirixe o socialista Tino Fernández xa leva revisada a documentación de 38 expedientes. A convocatoria, a primeira que se fai coa nova app, conta cun crédito de 300.000 euros

O Concello de Pontevedra pechou o pasado mércores 23 de setembro o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de subvencións a asociacións deportivas para fomentar a práctica deportiva e a participación en competicións oficiais na anualidade 2019. Un total de 67 entidades do municipio, que representan 32 modalidades deportivas, entregaron a documentación en tempo á Concellería de Deportes, que leva xa revisada a documentación de 38 expedientes e notificado aos interesados, nos casos necesarios, a necesidade de emendar as anomalías advertidas.

Neste sentido, o tenente de alcalde, Tino Fernández, constata que o Servizo Municipal de Deportes, que dirixe Jaime Agulló, “está a facer un importante esforzo para axilizar os trámites administrativos o máximo posible, co obxectivo de que os clubs poidan cobrar as axudas concedidas, unha vez xustificadas, antes de final de ano”. “Pedímoslles aos equipos solicitantes que teñan a maior dilixencia posible para respostar aos requirimentos da Concellería, xa que isto permitirá cumprir cos prazos previstos nesta convocatoria, dotada cun crédito de 300.000 euros”, lembra o edil socialista.  

As subvencións de 2019 son as primeiras que se tramitan coa nova aplicación informática posta en servizo para que os clubs poidan presentar a documentación e axilizar e sintetizar as xestións de solicitude das axudas e que facilita a inclusión de datos como o número de inscricións de deporte base ou a quilometraxe que completan os equipos en concepto de desprazamentos (cuestións que forman parte da baremación para asignar as axudas).

Co pago das subvencións anuais de 2019, o concelleiro Tino Fernández completaría, nun período de algo máis dun ano, a tramitación de ata tres anualidades que estaban ‘bloqueadas’ do anterior mandato, quedando pendente só a de 2020 para que o Concello de Pontevedra se poña totalmente ao día. “Neste primeiro ano de mandato -subliña o tenente de alcalde-, entre axudas anuais, para as Escolas Deportivas Municipais (EDM) e subvencións nominais, mobilizamos 1,3 millóns de euros para os clubs da cidade”.

Incremento da contía para as EDM en 108.000 euros

Aos 900.000 euros das subvencións anuais, das que se benefician máis de 60 clubs (63 presentáronse ás de 2018), hai que sumarlles o pago das EDM do período 2018-2019 (142.000 €) e a apertura do procedemento para aboar as de 2019-2020 (250.000 €). Ademais de poñerse totalmente ao día coas axudas das EDM, a Concellería de Deportes incrementou en 108.000 euros a súa contía e introduciu unha cláusula Covid-19: pagaranse integramente a pesar de que non se están a desenvolver dende marzo. 

No que atinxe ás subvencións nominais, destináronse case 12.000 euros á Sociedade Ximnástica (polo medio maratón), o Mace Sport (polo Open Internacional Cidade de Pontevedra) e o CN Galaico (programa de promoción da natación). Outros 8.000 euros foron para os Campionatos Nacionais de Piragüismo.