A residencia da terceira idade estará ubicada nunha parcela de 5.000 m2 na rúa 12 de Novembro

95
  • A nova ubicación permitirá dispoñer de máis terreo dedicado á estancia no exterior das persoas usuarias e construiranse unhas instalacións con só dous andares de altura
  • Contará con 120 prazas, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento, e dun prazo de execución de entre 18 e 22 meses

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, presentaron esta mañá o novo proxecto para a residencia da terceira idade que inclúe, con respecto ao anterior proxecto, un cambio de ubicación, máis metros cadrados de parcela, e a redución de número de andares do edificio. 

Segundo indicou o alcalde, a nova parcela está ubicada na unidade 18, a carón da rúa Doce de Novembro, ten 5.000 m2 e responde ás características do tipo de terreo que solicita a Xunta “para un mellor aproveitamento e funcionamento posterior desta residencia pública”. A idea é que a residencia teña tan só baixo e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por planta, e que conte cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias. O proxecto contempla 120 prazas, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento e un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.

Fernández Lores explicou que a anterior parcela, que estaba situada na Parda e tiña 3.000 m2, era máis irregular polo que precisaba máis plantas e non dispoñía de tanta superficie exterior. A nova ubicación presentouse hoxe toda vez que remataron os trámites para inscribir a parcela da unidade 18 no rexistro da propiedade a nome do Concello posto que a mencionada parcela xa fora cedido á ONCE. O alcalde explicou que a ONCE renunciou a este terreo e que mediante a sinatura dun convenio vén de revertiurse ao Concello, que agora o pon a disposición da Xunta para a construción da residencia pública para persoas maiores.

“Quero manifestar a miña satisfacción porque neste momento son necesarias residencias públicas e coa que está chovendo cada vez é máis visible a necesidade de que as residencias teñan unha certa calidade e que conten con protocolos de calidade na asistencia ás persoas maiores” asegurou o alcalde, ao tempo que fixo fincapé en que “para nós é unha prioridade que se constrúa unha residencia pública en Pontevedra”. 

Pola súa banda, a conselleira de Política Social fixo fincapé na idoneidade da nova ubicación e de contar cunha parcela de maiores dimensións con respecto á cedida polo Concello anteriormente na Parda. “Celebro que o Concello cedera unha das súas mellores ubicacións para construír unha das mellores instalacións a nivel galego, nacional e internacional”.  Fabiola García indicou que Pontevedra “é un dos Concellos que non parade crecer, cada vez ten máis xente nova e a obriga das Administracións é poñer máis recursos a disposición das familias dos nosos maiores aló onde vivan”. 

Neste momento a Consellaría está rematando a redacción do proxecto básico para proceder á solicitude da licencia municipal para a construción das instalacións. Segundo indicou a conselleira, a previsión é que a residencia pública comece a funcionar a mediados de lexislatura.