‘A señora Lola’, inmortal en Pasarón

261
  • Será a protagonista do primeiro mural que Yoseba Muruzábal pintará na cidade, nunha medianeira situada a carón do estadio
  • A historia vital da señora Lola, recollida durante a investigación  do artista, será incorporada ao programa ‘A memoria das mulleres’

Dolores Calviño, coñecida como a señora Lola, será inmortalizada polo artista Yoseba Muruzábal nun mural que comezará a pintar a vindeira semana (se o tempo o permite) nunha medianeira a carón do estadio de Pasarón. A iniciativa xorde a través de dous proxectos municipais: ‘A memoria das mulleres’ e o ‘Plan de mellora da paisaxe urbana’. Xaquín Moreda, o concelleiro das áreas de Memoria Histórica e de Urbanismo, ás que corresponden estes proxectos, explicou que este mural suporá “sacar á rúa e ao espazo público a historia das mulleres da cidade” e actuar nunha medianeira da cidade que foi cualificada de nivel 4, isto é, “que precisa dunha actuación que non se considera urxente pero si prioritaria”.

O mural, atendendo ás características da medianeira que está dividida en dúas partes, estará composto por dúas imaxes: un retrato da señora Lola a partires dunha fotografía facilitada pola familia e unha imaxe da señora Lola cos brazos erguidos celebrando un gol e suxeitando unha bengala de fume, a partires dunha foto proporcionada polo arquivo do Diario de Pontevedra e da autoría do fotógrafo Miguel Vidal. O propio Yoseba Muruzábal explicou que este será un mural diferente porque será a primeira vez que inclúa un retrato da protagonista e porque será tamén a primeira vez que pinte sobre unha superficie rugosa e ondulada, o que o obrigará a traballar con materiais diferentes aos habituais.

Yoseba Muruzábal tamén explicou que iniciou unha investigación a través do Facebook para buscar máis imaxes da señora Lola e afondar na historia e na vida da que foi a lavandeira do Pontevedra C.F e unha figura referencial na historia do club. A través das redes sociais localizou a un sobriño-neto que se criou con ela, Toño, e á filla e a unha sobriña que viven en Uruguai. A información recabada a través destes familiares será incorporada á xa recollida no programa ‘A memoria das mulleres’. 

A señora Lola caracterizada coma unha das icónicas ‘superavoas’ de Yoseba Muruzábal sumarase aos xa 15 murais que o artista ten por todo o país e será o primeiro que pinta na cidade de Pontevedra.