O Concello ofrece un estudo específico sobre o tráfico no ámbito do IES Sánchez Cantón

13
  • O concelleiro de Obras mantivo unha xuntanza con representantes de colectivos empresariais e comerciais de cara a coñecer as súas inquedanzas ao respecto das medidas anti-Covid adoptadas nas inmediacións do centro educativo

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes de diversos colectivos que manifestaron unha serie de inquedanzas a respecto das medidas anti-Covid que o Concello adoptou na contorna do IES Sánchez Cantón co obxecto de facilitar e mellorar as condicións de seguridade do alumnado, as familias e o persoal docente. Na xuntanza participaron Eduardo Barros representando á Cámara de Comercio, Alicia Montes de AJE, Pablo García da Asociación de Xoieiros e Reloxeiros, Valeria Giráldez en representación do comercio de Raíña Vitoria, Matías de Cabo da Asociación de Hoteleiros, e José María Corujo de AEMPE.

Os e as representantes destes colectivos expuxéronlle ao concelleiro que non consideran o corte dun tramo da rúa Raíña Vitoria e a reordenación do tráfico en Palamios unha medida anti-Covid e que están en contra desa decisión. A partires deste posicionamento anunciáronlle ao concelleiro que realizarán campañas por todos os medios posibles para que o tramo de rúa pechado se volva abrir ao tráfico e como medida alternativa propuxeron o peche da rúa Palamios.

Ante este posicionamento, Demetrio Gómez ofreceu a realización dun estudo específico do tráfico no ámbito do IES Sánchez Cantón para analizar en profundidade o funcionamento da medida e valorar a necesidade de adoptar outras medidas complementarias ou substitorias. Os representantes dos empresarios e dos comerciantes non aceptaron esta oferta.