A oficina para as solicitudes Supera20 abre atención presencial

36
  • Está situada na rúa Dona Tareixa e asesora sobre as axudas municipais a autónomos e micropemes, cuxo prazo de solicitudes remata o 14 de outubro
  • Tamén están operativas dúas liñas telefónicas para asesoramento: 618 385 048 e 681 264 835

A oficina municipal Supera20 na rúa Dona Tareixa para informar e asesorar sobre a liña de axudas municipais a autónomos e micropemes que puxo en marcha o Concello de Pontevedra atende presencialmente en horario de 9h a 14h (previa solicitude de cita). Ao mesmo tempo mantéñense operativas as dúas liñas telefónicas habilitadas para reforzar todo o asesoramento preciso para presentar as solicitudes correctamente nos números 618385048 e 681264835. 

Dese a apertura do prazo desta convocatoria, o Concello contabiliza 13 solicitudes xa firmes segundo informou esta mañá a portavoz do Goberno e concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías quen aproveitou para lembrar que o prazo de presentación remata o mércores da vindeira semana, o 14 de outubre. 

Anabel Gulías salientou que na oficina Supera20 neste momento o volume de traballo céntrase no asesoramento para que todas as persoas e microempresas solicitantes presenten a documentación correctamente en tempo e forma e evitar, na medida do posible, posteriores requirimentos e correccións.

Convén lembrar que a convocatoria Supera20 está dirixida a persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e microempreses que empreguen a menos de 10 persoas. Contemplan unha porcentaxe subvencionable que poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude; así como un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida. 

Subvencionaranse 5 liñas de actuacións: actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais; actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética; e outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates

A convocatoria Supera20 conta cun orzamento inicial de 1.250.000 euros e está destinada a accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma.