O Concello revertirá os 223.000 euros aforrados no canon de Sogama no último recibo do lixo

49
  • Vén de ser aprobada a modificación da ordenanza do lixo co obxecto de aplicar unha redución do 22% no último recibo deste ano 
  • Nos primeiros 8 meses de 2020 incrementáronse substancialmente os índices de recollida selectiva de papel, vidro e envases lixeiros

O Concello de Pontevedra aforrará neste exercicio 223.743,94 euros na bonificación do canon de Sogama e, ao igual que fixera o ano pasado, vén de acordar revertir este importe na cidadanía reducindo o recibo do lixo do último bimestre do ano. Anunciouno esta mañá o concelleiro responsable da área de Economía e Facenda, Raimundo González, tras ser aprobada en Comisión a pertinente modificación da ordenanza fiscal reguladora da prestación da recollida do lixo.

Segundo explicou Raimundo González esta redución suporá unha rebaixa do 22% sobre a taxa habitual. Polo tanto, aplicada a un recibo de 21,93 euros no último bimestre quedará en 17,18 euros; nun recibo correspondente a recollida en días alternos (que corresponde maioritariamente con zonas do rural) de 12,06 euros con esta redución quedará en 9,45 euros; e nun recibo dun establecemento comercial de 41,87 euros pasará a 32,80 euros.

A aprobación desta modificación non precisa de acordo plenario toda vez que o pasado ano o Pleno acordou delegar na Comisión de Economía e Facenda as modificiacións puntuais da ordenanza do lixo. Así, tras ser aprobada en Comisión esta mañá, será enviada para a publicación no BOPPO para pasar a elaborar o recibo do último bimestre aplicando a mencionada redución do 22%. 

O concelleiro lembrou que o 23 de xaneiro se publicara no DOG o canon de Sogama para o ano 2020, que é de 69,83 euros, que inclúe unha bonificación de 6,90 euros por tonelada no caso de que esa bonificación se repercuta na taxa que paga o contibuínte, e que no caso de Pontevedra ascende a 223.743,94 euros.

Incremento da reciclaxe

Ademais da redución do lixo enviado a Sogama, Raimundo González fixo públicos os datos de incremento da recollida selectiva que corresponde cos contedores amarelo, azul e verde. Asegurou que se trata “dun incremento máis que substancial” e que “é froito do compromiso dos pontevedreses e das pontevedresas co medio ambiente e coa súa implicación en todo o relacionado coa recuperación e a reciclaxe de residuos”. 

Cos datos de recollida desde xaneiro ata o mes de setembro deste ano, no contedor amarelo apréciase un incremento do 18,7% na recuperación de envases lixeiros. Así, se en todo o 2019 se recolleron aproximadamente 1.000 toneladas, ao ritmo deste ano poderíase chegar casi ás 1.200 toneladas de recuperación de envases lixeiros.

En canto á recollida de papel, con datos ata agosto deste ano, o incremento da recollida sitúase no 51,75%; o que permitiría pasar das aproximadamente 1.400 toneladas recollidas o pasado ano a  case 2.000 toneladas a finais de 2020.

Por último, no contedor de vidro e tamén con datos ata agosto, o incremento sitúase no 16,83%. Así, das 1.050 toneladas recollidas en 2019, mantendo o mesmo ritmo superaríanse as 1.200 toneladas a finais de 2020.

Con estes datos, Raimundo González incidiu en que “non só hai unha redución do canon de Sogama senón que por outro lado vén acompañado dun incremento máis que substancial dos datos da reciclaxe, o que neste momento nos sitúa xa nuns parámetros moi elevados de reciclaxe”, o que ademais “ten un efecto medioambiental moi potente”.