Pontevedra recolle o premio ‘El Anillo’ de Deporte y Turismo en Cáceres

16
  • Este galardón recoñece o traballo de organización do Mundial Multisports 2019 da modalidade Triatlón e a entrega terá lugar este mércores
  • O alcalde participará o venres no Portugal Mobi Summit, en Carcavelos, cunha intervención sobre como planear un ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro-mobilidade

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o xefe de Servizo, Xaime Agulló, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, desprazaranse a Cáceres para recoller o Premio ‘El Anillo’ de Deporte y Turismo. Este premio foille outorgado a Pontevedra pola Fundación Jóvenes y Deporte, dependente da Consejería de Cultura, Turismo y Deportes da Junta de Extemadura pola organización do Mundial Multisports 2019 da modalidade Triatlón. O acto de entrega deste galardón terá lugar mañá, mércores 7 de outubro ás 10h, no marco da xornada inaugural do III Congreso ‘Deporte y Turismo – Extremadura 2030’ que se desenvolverá no Complejo Cultural San Francisco da Diputación de Cáceres.

Segundo explicaron desde a Fundación Jóvenes y Deporte no momento de facer público o fallo, Pontevedra competía con cidades de todo o Estado que organizaron campionatos mundiais durante o pasado ano, como o World Roller Games de Barcelona. A portavoz do Goberno e concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías que foi a encargada de informar sobre a delegación pontevedresa que se desprazará a Cáceres aproveitou para facer fincapé en que este premio “nos enche de orgullo sobre todo porque combina dúas compoñentes que son básicas para o desenvolvemento deste tipo de eventos, que son as vantaxes que poden traer a nivel deportivo pero tamén a nivel económico polo que xera en turismo”. Gulías asegurou que esta combinación supón unha “perfecta simbiose” e que desde o Concello “seguimos apostando polo desenvolvmento de grandes eventos internacionais deste estilo para favorecer a economía e a actividade cando a Covid o permita”.

Portugal Mobi Summit

Nesta semana Pontevedra tamén estará presente no Portugal Mobi Summit que terá lugar na Nova School of Business and Economics da Universidade de Lisboa (sede situada en Carcavelos). O tema xeral da xornada será a ‘Mobilidade nun mundo en mudanza’ centrándoo nos cambios xurdidos tras a aparición da Covid-19 e do confinamento, e en como inflúen na forma de moverse e traballar nos ecosistemas urbanos. 

O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, participará nun panel de debate, que terá lugar o venres pola tarde, baixo o epígrafe ‘Como planear un ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro-mobilidade”. Compartirá quenda co concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, co profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa, David Vale, e co xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei.

O Portugal Mobi Summit abordará, durante dous días, temas relacionados coa transición enerxética e a como a pandemia a pode estar acelerando, os efectos da transición dixital na mobilidade sustentable, o futuro do planeamento urbano e o paso ás redes 5G e como planear cidades máis inclusivas.