Benestar Social estuda ampliar a súa colaboración con Cáritas para participar no futuro albergue e garantir a actividade da vivenda transitoria na Seca

27
  • O concelleiro Marcos Rey agarda que o convenio coa entidade, que xa se ampliara de 29.000 a 31.000 euros dende 2018, poida “incrementar a súa achega nos orzamentos do vindeiro ano”
  • O proxecto do albergue foi presentado ao edil nunha reunión co director de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño, a secretaria de Pontevedra, Mariló Virel, e o arquitecto Alberto Escobar

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, estudará “incrementar nos orzamentos do vindeiro ano a achega económica que o seu departamento destina ao convenio de colaboración con Cáritas co obxectivo de axudar a impulsar o proxecto do futuro albergue que a entidade construirá en Joaquín Costa e garantir o servizo da vivenda transitoria para familias necesitadas no barrio da Seca”. Así llo garantiu o edil socialista esta mañá ao director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, no transcurso dunha reunión na que tamén estiveron presentes a secretaria de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, Mariló Virel, e o arquitecto colaborador da oenegué Alberto Escobar.

O encontro, o primeiro que Rey mantivo coa entidade dende que asumiu o seu cargo de concelleiro, serviu para presentarlle o proxecto do novo albergue, que está valorado en case un millón de euros e que Cáritas agarda financiar, ademais de cun sistema de crowdfunding, cunha subvención da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello. O edil do PSOE asegurou que, se ben a Concellería de Benestar Social xa incrementara a achega do convenio de colaboración con Cáritas dos 29.000 euros do acordo de 2018 aos 31.000 do que está en vigor na actualidade, a vontade do seu departamento “é a de ver ata onde podemos chegar economicamente e tratar de melloralo para adaptalo ás súas necesidades”.

“Cáritas xa puxo as cifras enriba da mesa e quedaremos en máis ocasións para ver se podemos incrementar as axudas nas contas do ano que vén. A nosa intención é a de colaborar o máximo que poidamos, co albergue, coa vivenda da Seca e cos seus programas”, apuntou Marcos Rey.

Trala reunión, José Anuncio Mouriño explicou que Cáritas ten por diante “un proxecto ilusionante, que é trasladar o albergue que está en Monte Porreiro ao edificio de servizos xerais en Joaquín Costa, transformándoo nun centro de día oficial para as persoas que están na rúa; creando 20 habitacións para homes e 6 para mulleres no primeiro andar, xa que a pobreza ten cada vez máis rostro feminino, e poñendo en marcha un centro de formación como os que temos en Coruña ou Santiago para que os usuarios acaden un traballo que lles permita vivir con dignidade”. Asemade, a actuación contempla, na súa última fase, a dotación dunhas vivendas de transición para persoas que estean na rúa e queiran rehabilitarse (no segundo andar).

Tanto Mouriño como Rey calificaron a reunión de “moi positiva”, ao afondar no importante labor social que a entidade desenvolve en Pontevedra, e coincidiron na necesidade de mellorar a coordinación entre Concello e Cáritas.