Composta chega á rúa cunha xornada de divulgación e información na praza da Peregrina

12
  • Será este venres, 9 de outubro, pola mañá e tarde, para informar aos veciños e veciñas das fórmulas habilitadas polo Concello para compostar.
  • Tamén poderán levar unha mostra de compost feito polas achegas dos pontevedreses e pontevedresas. 

Composta, o programa de compostaxe do Concello, chega esta semana á rúa a través dunha xornada de divulgación e sensibilización na que a Concellaría de xestión de Residuos, que dirixe Raimundo González Carballo, amosará aos veciños e veciñas as distintas modalidades de tratamento de xestión da materia orgánica que ofrece, nestes momentos, Pontevedra.

A xornada será este venres, 9 de outubro, entre as 11.30 e as 14.00 horas e en sesión de tarde, de 17.30 a 20.00 horas. Na carpa habilitada na praza da Peregrina, as persoas que o desexen obterán información sobre as tres modalidades de compostaxe do Concello: a Composta individual pensada para vivendas unifamiliares no ámbito rural e periurbano para os que o Concello cede un composteiro individual para uso particular da vivenda, así como os utensilios necesarios para obter un compost de calidade. 

A outra modalidade da que se informará será a de Composta comunitaria, xa habilitada en distintos barrios da cidade onde están instalados 25 centros de compostaxe. A participación cidadá é fundamental nesta modalidade na que os veciños e veciñas botan a materia orgánica de refugallo e achegan estruturante. A recomendación municipal é que se inscriban no programa para que poidan beneficiarse do compost que se obtén nestes centros.

A última das modalidades da que se informará será a de Composta no colector, recentemente habilitada nunha parte da cidade que conta xa, con máis de 1.000 veciños e veciñas inscritas e consiste en botar a materia orgánica de refugallo en colectores marróns de uso exclusivo para as persoas inscritas no programa, que reciben unha tarxeta que lles permite depositar os seus restos.

Os visitantes da carpa tamén terán a posibilidade de recoller unha bolsa de compost que se lles entregará de balde para que comproben a súa calidade e o empreguen para o abono das súas plantas.