O Efecto PO2 recolle nun vídeo a homenaxe ao Urban Road Safety Award durante a Semana Europea de Mobilidade

23
  • A Concellaría de Promoción da Cidade fai público un novo audiovisual que resume a acción de rúa realizada na praza de España.

A Concellaría de Promoción da Cidade que dirixe Anabel Gulías, vén de facer público unha nova peza audiovisual que recolle a acción de rúa realizada con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade en Pontevedra. Esta convocatoria facía fincapé no primeiro Urban Road Safety Award concedido no mes de maio pola Comisión Europea ao Concello de Pontevedra pola súa mobilidade amábel e segura en vías urbanas.

A acción de rúa consistía nunha representación no chan dos vehículos que durante moitos anos ocuparon a praza de España antes de ser recuperada para o uso dos veciños e veciñas. A acción comezaba cunha gran peza de PO2 e continuaba coa representación de coches de diversas cores pegados no chan, que ían dende o inicio da rúa Michelena até Arcebispo Malvar, e explicaban os puntos fortes da cidade e os motivos do premio: cidade segura, reconexión coa natureza, redución de emisións de CO2 a atmosfera…

O audiovisual amosa a acción dende a súa montaxe de madrugada até como os pontevedreses a fixeron súa, xogando sobre ela (especialmente os máis cativos) ou pisando os vehículos, claro síntoma de que agora a praza xa é un espazo recuperado para os peóns.

A peza incorporarase á campaña de promoción da cidade baixo a marca Efecto PO2 xunto a outras que xa ten feito a Concellaría como a de #comonacasa na que participan, entre outros, o triatlea Javier Gómez Noya.