Máis de 12.000 persoas participan xa dos distintos programas Composta do concello

17
  • Na xestión das tres modalidades de compostaxe implantadas (individual, comunitaria e colector), o Concello deixará de trasladar a Sogama, cando menos, 2.000 toneladas de materia orgánica ao ano.

Arredor de 12.000 persoas participan xa das distintas modalidades do programa Composta postas en marcha polo Concello de Pontevedra, segundo revelou esta mañá o concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González Carballo. “A compostaxe en Pontevedra vai a velocidade de cruceiro, pese aos inconvenientes externos como a Covid”, explicou e informou de que este tratamento supón que Pontevedra acabe o ano sen enviar máis de 2.000 toneladas de materia orgánica a Sogama.

Ao respecto da compostaxe individual, a pandemia influíu moito no seu desenvolvemento porque non se poden entregar composteiros nin celebrar reunións informativas nas parroquias. Na actualidade está pendente de iniciar a campaña en Cerponzóns, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido, Lourizán, Ponte Sampaio e Canicouva, pero a intención da concellaría é poñerse en marcha a partir do día 19 de outubro.

Polo de agora entregáronse 3.000 composteiros individuais e o proxecto chega a unas 6.500 persoas.

Compostaxe comunitaria

A Composta Comunitaria atende a 25 centros instalados en distintos puntos da cidade, onde algúns están ao borde da saturación como no caso de Campolongo. Raimundo González explicou que o seu departamento traballa co obxectivo de instalar oito novos centros, e coa mirada posta no barrio do Burgo onde se instalarían entre 2 ou 3, e se reforzarían os de Campolongo. Tamén se estudan outras zonas da cidade.

Ao respecto do plan máis novedoso da compostaxe, Composta no colector marrón, atende a 1.400 domicilios e produtores singulares, o que se equivalería a unas 3.500 persoas. “E aínda que é un proxecto que está arrancando, ten aínda moito percorrido”, afirmou Raimundo González.

Este bo comportamento dos veciños e veciñas de Pontevedra tamén se reflicte noutros datos procedentes das toneladas de lixo que recollen os colectores verdes e que se levan a incinerar a Sogama. Na actualidade a redución é máis que significativa, con datos como o de setembro no que a redución foi do 15%. 

O concelleiro estima que ese sería un caso singular, pero que o obxectivo do Concello sería fixar unha redución dun 10% do lixo que se dirixe a Sogama, acadando as 2.000 toneladas de lixo ao ano.

Raimundo González agradeceu o comportamento dos pontevedreses e pontevedresas porque “cando camiñamos na mesma dirección conseguimos a redución da pegada de carbono e unha maior conciencia ambiental en Pontevedra”.