Yoseba Muruzábal comeza a pintar a “superavoa” Señora Lola

4
  • Hoxe trasladouse a Pasarón para comezar o mural que homenaxeará a Dolores Calviño nunha das medianeiras do campo. 
  • A iniciativa parte do concelleiro Xaquín Moreda, responsable das áreas de Memoria histórica e Urbanismo, que as incluíu no programa Memoria das mulleres e no Plan de mellora da paisaxe urbana.

Yoseba Muruzábal comezou esta mañá a preparar a medianeira de Pasarón que nos próximos días acollerá un mural en homenaxe á Dolores Calviño, máis coñecida como señora Lola. Durante a xornada de hoxe pintou o que será o fondo da composición que estará dividida en dúas partes e formada por dúas imaxes: un retrato da señora Lola a partires dunha fotografía facilitada pola familia e unha imaxe da señora Lola cos brazos erguidos celebrando un gol do Pontevedra e suxeitando unha bengala de fume, a partires dunha foto proporcionada polo arquivo do Diario de Pontevedra e da autoría do fotógrafo Miguel Vidal. 

A iniciativa xorde a través de dous proxectos municipais: ‘A memoria das mulleres’ e o ‘Plan de mellora da paisaxe urbana’, ambas xestionadas por Xaquín Moreda, o concelleiro das áreas de Memoria Histórica e de Urbanismo. E ten unha dobre finalidade sacar á rúa e ao espazo público a historia das mulleres da cidade e actuar nunha medianeira da cidade que foi cualificada de nivel 4 no Plan de Mellora da paisaxe urbana, isto é, “que precisa dunha actuación que non se considera urxente pero si prioritaria”, en palabras de Xaquín Moreda.

Para Yoseba Muruzábal este será un mural diferente porque é a primeira vez que inclúa un retrato da protagonista e porque será tamén a primeira vez que pinte sobre unha superficie rugosa e ondulada, o que o obrigará a traballar con materiais diferentes aos habituais.

Tamén explicou o autor que iniciou unha investigación a través do Facebook para buscar máis imaxes da señora Lola e afondar na historia e na vida da que foi a lavandeira do Pontevedra C.F e unha figura referencial na historia do club. A través das redes sociais localizou a un sobriño-neto que se criou con ela, Toño, e á filla e a unha sobriña que viven en Uruguai. A información recabada a través destes familiares será incorporada á xa recollida no programa ‘A memoria das mulleres’. 

A señora Lola caracterizada coma unha das icónicas ‘superavoas’ de Yoseba Muruzábal sumarase aos xa 15 murais que o artista ten por todo o país e será o primeiro que pinta na cidade de Pontevedra. 

Máis información de Dolores Calviño en:

https://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/traballadoras/do-ambito-urbano/dolores-calvino/