“Na beira do río. Diálogos na Pintura” festexa o seu 10º aniversario

7
  • A mostra, ubicada como vén sendo habitual na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, acolle novos traballos dos/as 18 artistas que participaron nas pasadas edicións
  • Permanecerá aberta ao público ata o 15 de novembro no horario habitual con entrada de balde.

Pontevedra e a pintura levan dez anos unidos neste proxecto cultural comisariado por Ramón Rozas. Un encontro artístico ás orelas dun Lérez que reflicte, dende a sala de exposicións do Pazo da Cultura, a capacidade creativa dos nosos pintores.

‘Na beira do río. Diálogos na pintura’ é en verbas do seu comisario “un xeito de poñer en debate o traballo daqueles que confían na pintura como xeito de interpretar a realidade, como maneira de plantexar nun cadro o que acontece nunha contorna universal pero que se afronta dende a singularidade desta cidade cunha fonda pegada no eido pictórico.

Naceu este proxecto coa pintura dentro dun plantexamento xeral na sociedade de acoso por outras disciplinas artísticas máis fugaces e instantáneas: instalacións, videocreacións,performances…que nun momento determinado, a comezos do século XXI encheron exposicións, concursos e convocatorias artísticas dunhas propostas que marxinaron á pintura. Dende o Concello de Pontevedra plantexouse entón un espazo case de resistencia, de firmes conviccións sobre o valor e a necesidade da pintura como medio de análise e de expresión artística. Semella que pasou a treboada e nos últimos anos a pintura voltou a recuperar o seu papel dentro do mundo da arte como disciplina de referencia recuperando opcións como a figuración, establecidas xa coma canle de modernidade”

Nove edicións transcorreron ata chegar esta celebración colectiva. Dezaoito artistas que puxeron a súa creatividade e esforzo á disposición dun público que se fixo fiel a esta cita do outono artístico pontevedrés, plantexando unha dinámica expositiva que afirmase ao Pazo da Cultura como un dos grandes espazos expositivos de Galicia, de enormes posibilidades dende a súa diversidade funcional, e que ten que seguir construíndose dende ese Lérez que nunca é barreira ou fronteira senón unión entre territorios físicos, pero tamén entre o creativo e o humano.

Manolo Dimas e Itziar Ezquieta, Teresa Brutcher e Ana Seoane, Eduardo Dios e Pancho Rodiño, Dolores Gálvez e Belén Padrón, Juan Moreno Badía e Juan Rivas, Rosa Úbeda e Yolanda Dorda, Falcon e Pousseu, Antón Sobral e Carmen Hermo, e Amelia Palacios e Álex Vázquez imaxinaron cada ano unha exposición nese interior na beira do río e puxeron de novo a súa creatividade a traballar para a mostra que hoxe se inaugura e amosa case 100 obras nas que o diálogo se convirte xa nunha conversa a varias voces.

O Concello quere agradecer o esforzo e o traballo a todos/as artistas que poñen de manifesto o talento local e especialmente a labor de Ramón Rozas, axente cultual da cidade que puxo todo o seu empeño, rigor e profesionalidade para que este proxecto artístico consolidado chegara á súa 10 edición coa mirada posta nas que están por vir.

Ata o 15 de novembro podedes achegarvos á Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de martes a venres de 18 a 21h. sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h. e domingos e festivos de 12 a 14 a gozar do talento destes 18 artistas con entrada de balde. Os luns, a sala permanecerá pechada.