O Concello amosa o seu apoio ao sector cultural da cidade poñendo 8 stands á súa disposición na Culturgal

28
  • A convocatoria, que abrirá prazo o martes próximo no web www.pontevedra.gal vai destinada a empresas privadas do sector que leven a cabo a súa actividade en galego.
  • A inicitativa supón tamén o apoio á propia feira á que o Concello destinará nesta edición, do 27 ao 29 de novembro, preto de 50.000€

A concelleira de Cultura, Carme Fouces presentou esta mañá a iniciativa do Concello para respaldar as empresas do sector cultural da cidade. “Culturgal é a gran feira, ou mellor dito, a única gran feira da cultura en Galicia, un gran escaparate que se leva a cabo na nosa cidade e leva o cuño da marca Pontevedra. Un espazo que as empresas alugan para facer visibles os seus proxectos e posibilitar que os programadores ou entidades susceptibles de contratalas, coñezan a programación que hai disponible e intercambien impresións. Dende o Concello queremos apoiar ás empresas que  por mor da situación actual tiveran cancelacións e dificultades para facturar e efectuar o seu traballo” apuntaba a concelleira.

Para levar a cabo esta iniciativa o Concello facilitará a presenza de 8 empresas da cidade no Culturgal (do 27 ao 29 de novembro), poñendo á súa disposición 8 stands de 2×2 metros co Bono Pontevedra Culturgal 2020. Será mediante convocatoria, que abrirá o prazo cara o martes da semana próxima, dirixida a entidades privadas e profesionais das industrias culturais adicados ben á producción, distribución ou difusión dentro do ámbito editorial, artístico, musical, do teatro ou a danza, a producción audiovisual ou multimedia, o deseño e a comunicación, etc. en galego.

Quedarían fóra da participación os organismos públicos, entidades con participación pública e asociación non profesionais.

A adxudicación dos mesmos farase baixo os requisitos de obrigado cumprimento tales coma ter domicilio social en Pontevedra ou ser unha iniciativa cultural das citadas anteriormente e criterios baremables como son a traxectoria da empresa, a atención á perspectiva de xénero, a innovación nos proxectos e acciós levados a cabo e o seu impacto na cidade, etc.

O procedemento da presentación das candidaturas será mediante envío do formulario –  que poderán atopar en www.pontevedra.gal – debidamente cumprimentado ao correo coordinacion@pazodacultura.org As empresas ou proxectos preseleccionados terán que presentar a posteriori a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos e méritos declarados no formulario, polo que tal e como apuntou Carme, “non é preciso que presenten toda a documentación nun primeiro momento, facilitando así a participación”

Carme apuntou tamén que “esta iniciativa, que seguramente veña para quedarse supón non só o apoio ás empresas culturais da cidade, senón á propia feira – que percibirá nesta edición preto de 50.000 por parte do Concello – xa que estes alugueres son a súa forma de obter ingresos e probablemente este ano por mor das as circunstacias, se vexan diminuídos coa menor presenza de empresas e de público. Quero destacar a valentía coa que Culturgal afronta esta edición, replantexando os formatos e adaptándose aos tempos”.

Por outra banda, e sobre á participación habitual do Concello mediante o seu propio  stand, a concelleira sinalou que será empregado tamén para dar visibilidade ao traballo e ás empresas da cidade que non se presenten á convocatoria ou queden fóra dos proxectos seleccionados”.