Cartafol.Arc será o encargado de actualizar o catálogo de edificacións e elementos a conservar de Pontevedra

23
  • Ten un prazo de execución de 15 meses para recoller todo o patrimonio xa catalogado e o vinculado a patrimonio industrial, contemporáneo e muros tradicionais.
  • O concelleiro de Urbanismo informou esta mañá da solicitude de autorización urbanística por parte dun supermercado para a antiga gasolinera de Costa Giráldez e un KFC na avenida de Lugo.

A Concellaría de Urbanismo, que dirixe Xaquín Moreda, vén de informar da proposta de adxudicación do Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra á empresa Cartafol.Arc (UTE) por 37.407,45 euros e un prazo de execución de 15 meses.

Esta revisión e actualización do Catálogo implica a identificación dos elementos que sexan susceptibles de conservar, mellorar ou recuperar atendendo á súa singularidade, características e valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos e paisaxísticos. Convén lembrar que o catálogo en vigor foi aprobado en 1994, polo que a actualización é necesaria para incluír novos elementos e adaptalo á nova normativa aprobada con posterioridade a esa época. 

O novo catálogo deberá incluír a listaxe de elementos de interese cultural recollidos pola Consellaría de Cultura, introducir os elementos de arquitectura contemporánea e de patrimonio industrial, os muros tradicionais (a súa conservación vén recollida na Lei do Solo de 2016), e revisar cada un dos elementos do catálogo vixente, así como os tipos de intervencións autorizables ou permitidas e os niveis de protección segundo a normativa vixente en materia de patrimonio cultural. 

O traballo deberá conter unha listaxe de todos os elementos catalogados, organizados por núcleos e parroquias, a xustificación dos criterios de catalogación seguidos e do proceso de obtención da información, planos de información e situación, unha ficha individualizada de cada elemento catalogado coa descrición gráfica das súas características construtivas e estado de conservación, e as determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación.

Boa situación do urbanismo na cidade

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, tamén informou esta mañá de tres novas licenzas ou comunicacións previas de actividade comercial que está a tramitar o departamento que dirixe, e que amosan que a pesar da estraña situación que se está a vivir “o urbanismo segue indo ben, e non se notan descensos de proxectos”.

Informou da solicitude de licenza de cambio de uso comercial no local da antiga gasolineira de Costa Giráldez, situada na esquina da rúa Javier Puig. Trataríase dunha intervención de baixo e planta, e tamén de adecentamento de fachada. Esta autorización municipal está solicitada por un coñecido supermercado galego.

Tamén en relación a supermercados, informou da ampliación do actual Froiz da rúa Echegaray co local lindeiro para reordenar toda a entrada ao establecemento.

E finalmente, tamén deu conta da solicitude de licenza dunha empresa de comida rápida que estará situada na avenida de Lugo, entre o supermercado Lidl e o McDonals. Trátase da creación dunha superficie de KFC que ocupará o actual espazo dun lavado de coches.