O Concello conxela taxas e impostos por sétimo ano consecutivo

27
  • O concelleiro de Economía e Facenda salienta que Pontevedra ten unha das presións fiscais máis baixas tanto das capitais de provincia do Estado como das cidades con máis de 20.000 habitantes

Tras a Comisión de Economía e Facenda celebrada esta mañá, o concelleiro responsable da área, Raimundo González, anunciou que o Concello acordou conxelar por sétimo ano consecutivo os 5 impostos e as 20 taxas municipais de cara aos orzamentos do vindeiro exercicio. “Todas elas van permanecer inalteradas, non se vai tocar absolutamente ningunha” asegurou o concelleiro.

Raimundo González tamén indicou que “isto implica que imos manter a mesma presión fiscal pero tendo en conta que a presión fiscal do Concello de Pontevedra é das máis baixas das capitais de provincia do Estado e tamén é das máis baixas das cidades de máis de 20.000 habitantes”.

Sobre o incremento dos ingresos nos orzamentos do 2021, asegurou que se derivarán  dunha banda da actualización de censos e, doutra, da persecución do fraude fiscal. En relación á actualización e regularización de censos, puxo como exemplo que se o saneamento e o abastecemento de auga está chegando a máis parroquias iso supón o incremento de vivendas conectadas e polo tanto tamén se incrementarán os respectivos censos. En canto á persecución do fraude fiscal, anunciou que se revisará a taxa do 1,5% de ingresos por ocupación de vía pública das grandes empresas, posto que non se realiza a inspección destas empresas desde hai aproximadamente 5 anos de cara a comprobar que están pagando correctamente. Esta revisión afectaría fundamentalmente a empresas subministradoras servizos de telefonía, electricidade e gas. “Non o facemos porque teñamos sospeita ningunha, senón porque cremos que é bo facer controis cada certo tempo” indicou Raimundo González.

Respecto ao orzamento do ano 2021 afirmou que “estamos traballando xa nos prolegómenos do orzamento pero con dúas dificultades maiúsculas” relacionadas con decisións do Goberno estatal. A primeira refírese ao ingreso de preto de 20 millóns de euros que segundo indicou Raimundo González “neste momento non sabemos se vai manter esa cuantía ou non”. A segunda é relativa á incertidume sobre se se incrementará a retribución aos funcionarios públicos, xa que nos últimos tres anos había un acordo entre o Goberno e sindicatos para ir incrementando unha determinada porcentaxe. 

Raimundo González manifestou que espera que “este panorama se clarifique ao longo deste mes, fundamentalmente no relativo aos ingresos que é onde máis nos xogamos cuantitativamente, polo número de investimentos que podemos facer e porque nos pode repercutir de forma indirecta na transferencia da Deputación”.