Unha ducia de colexios achegaranse á súa contorna e identidade a través de murais grazas ao programa municipal ‘O teu cole na historia’

93
  • Tino Fernández avanza que as intervencións artísticas, deseñadas polo equipo creativo de Polo Correo do Vento, inauguraranse o vindeiro 30 de novembro, Día das Cidades Educadoras
  • O proxecto da Concellería de Educación busca acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar, destacando as súas singularidades, historia e contorna natural e urbana

Unha ducia de colexios de Infantil e Primaria de Pontevedra participarán no programa municipal ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento coa finalidade de acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar. A través dunha serie de pinturas murais, esta iniciativa permitirá destacar as singularidades propia de cada centro escolar, así como a súa historia e contorna natural e urbana, facendo fincapé nas peculiaridades referentes ás instalacións, personalidades vencelladas aos mesmos ou monumentos e espazos patrimoniais de relevo que identifiquen o colexio e sexan contido de estudo e interese para os estudantes.

Así, tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “os centros máis próximos ao río Lérez, por exemplo, tratarán de amosar a biodiversidade dos bosques de ribeira, os que se atopan preto de xacementos arqueolóxicos farán fincapé nas pinturas rupestres, e os que se ubican achegados á ría de Pontevedra lucirán motivos mariñeiros e oficios do mundo do mar”. Os murais terán unhas dimensións de dous metros por dous metros e cada un deles formará parte dun conxunto identificable de intervencións artísticas que servirán para dar unha imaxe común dos colexios implicados.

Os colexios que van participar no proxecto, ao que a Concellería destinará unha achega de máis de 17.000 euros, son os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño, A Xunqueira I, Cabanas, Santo André de Xeve, Álvarez Limeses, A Xunqueira II, Parada-Campañó, Manuel Vidal Portela; os CEP Marcos da Portela e Campolongo, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey. Segundo explica Tino Fernández, a Concellería de Educación “porase en contacto cos colexios nos vindeiros días para concretar os espazos nos que se van realizar os murais e comezar a traballar nos bosquexos”.

Unha rede roteiros para interactuar coas diferentes obras

O tenente de alcalde agarda que tódalas intervencións poidan estar rematadas para o vindeiro 30 de novembro, Día das Cidades Educadoras. O material completo será publicado a través das redes sociais do Concello, podendo nun futuro converterse nunha rede de roteiros nos que o estudantado interactúe coas diferentes obras. 

Entre os obxectivos do proxecto ‘O teu cole na historia’ tamén se inclúen o fomento do respecto polo material común e o coidado dos edificios públicos por parte da comunidade educativa.