Luz verde á cesión do espazo fronte á residencia de Campolongo para uso das persoas residentes

42
  • Instalaranse bolardos para acotar unha área de 460 metros cadrados e crear un espazo burbulla para uso exclusivo das persoas maiores 
  • Esta decisión responde a unha solicitude da dirección da residencia por carecer de exteriores privados nas condicións requiridas no contexto da Covid-19

Tal e como estaba previsto, Xunta de Goberno local vén de aprobar esta mañá a cesión do espazo público fronte á residencia de Campolongo para uso das persoas residentes. Segundo recolle o informe da proposta, o Concello autoriza a utilización dunha superficie de uso público na avenida María Victoria Moreno (á altura do número 26) para o desenvolvemento de actividades de lecer das persoas maiores desta residencia, acotando un recinto de aproximadamente 460 metros cadrados mediante a instalación dunha ringleira de bolardos que se pode pechar con cinta de balizamento, de cara a crear un espazo burbulla adecuado para a seguridade das persoas usuarias. 

O acceso á residencia de ambulancias e servizos queda garantido mediante un bolardo extraíble na entrada ao estacionamento, ao tempo que queda unha banda de circulación peonil na beirarrúa que garante a accesibilidade en calquera caso. 

Este acordo chega tras unha solicitude formal da directora-administradora da residencia de Campolongo na que demandaba a delimitación dunha zona de reserva para uso das persoas residentes ao non contar a residencia con espazos exteriores privados nas condicións requiridas no contexto da Covid-19.