#PonteLovers impulsa un ciclo formativo para que os negocios da cidade coñezan o estilo dos seus clientes e se anticipen aos seus gustos

258
  • As clases maxistrais darán comezo o vindeiro luns 26 de outubro cunha formación sobre ‘A importancia da imaxe persoal’ e serán impartidas de xeito telemático pola experta Sonia Felpete

Aprender a recoñecer o estilo do cliente, anticiparse aos seus gustos e realizar unha oferta personalizada, de cara a mellorar as vendas e os niveis de satisfacción do consumidor, son os principais obxectivos dun ciclo formativo que a Concellería de Promoción Económica e Turismo porá en marcha a vindeira semana a través da plataforma #PonteLovers e que se desenvolverá durante os meses de novembro e decembro. A actividade, que inclúe clases maxistrais, charlas e un curso de carácter máis práctico, será impartida de xeito telemático a través da plataforma Zoom pola experta e influencer Sonia Felpete (@thesisismess), nominada aos premios internacionais World Bloggers Awards 2020 na categoría de moda e estilo de vida.

As masterclasses, que darán comezo o vindeiro luns 26 de outubro cunha formación centrada en ‘A importancia da imaxe persoal’, realizaranse en horario de 21:00 a 22:00 horas, están especialmente dirixidas a donos e empregados de tendas locais de moda e complementos e permitiranlles optimizar as súas capacidades para recoñecer rapidamente o estilo do cliente utilizando os sete estilos universais. Tal e como explica a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, estas clases maxistrais, que se dividen en tres partes e que terán novas sesións os luns 2 (‘Os 7 estilos universais’) e 9 de novembro (‘Aplicación do concepto de estilo’), buscan “axudar aos establecementos a incrementa-las súas vendas, minimizando o tempo de decisión e, polo tanto, maximizando os clientes aos que se pode chegar durante a xornada, así como acadando unha maior satisfacción coa compra realizada, o que redundará nunha fidelización desde consumidor ben asesorado a longo prazo”. 

“Partirase da explicación dos coñecidos como sete estilos universais, para poder recoñecer cal é o estilo do cliente que entra na tenda e ofrecerlle o máis axeitado ao mesmo”, sinala a edil do PSOE.

Sonia Felpete, que conta cun destacado currículo nos ámbitos da estética, a perruquería e a moda, tamén desenvolverá ao longo de novembro un curso sobre habilidades en imaxe persoal, posto que como sinala Yoya Blanco, “para realizar unha oferta personalizada ao cliente é necesario coñecer a súa morfoloxía, a paleta de cores que lle favorece, as formas das prendas…”. A formación, que incluirá contidos prácticos, efectuarase online en horario de 21:00 a 22:00 horas os días 17 (‘Morfoloxía’), 20 (‘Colorimetría’), 24 (‘Liñas, formas e volumes’) e 27 de novembro (‘Os 7 estilos universais’), e tentará marcar unha clara diferencia coas grandes cadeas téxtiles, onde funciona o autoservizo, fomentando que os clientes se decanten polo comercio local ao percibir este valor engadido.

Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, estes mesmos contidos serán tratados por Felpete en forma de charlas, “semellantes á formación que se impartirá no curso, pero cunha menor parte práctica e adaptadas ao público en xeral”. “Tod@s aqueles interesad@s en participar -indica Yoya Blanco- poderán facelo inscribídonse previamente a través do marketplace do Concello ‘E-Ponte.com’”.