Igualdade e o CIM fomentan o empoderamento e a autoestima das mulleres a través da fotografía

114
  • Os talleres do programa ‘Namórate de ti’, dirixido a mulleres desempregadas, vítimas de violencia ou en risco de exclusión social, desenvolveranse os días 3, 5, 9 e 11 de novembro 
  • A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, avanza que o proxecto, presentado hoxe no Teatro Principal, incluirá unha exposición fotográfica nos escaparates dos comercios da nosa cidade

Fomentar a autoestima e o empoderamento feminino empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta é o principal obxectivo do programa municipal ‘Namórate de ti’, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra grazas á colaboración da animadora sociocultural Tegra Gómez e da fotógrafa e creativa Patricia Maquieira. O proxecto, que abrangue un taller gratuíto e unha exposición fotográfica nos escaparates das tendas da nosa cidade, está dirixido a principalmente a mulleres desempregadas, que precisan volver a confiar en si mesmas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social.

A iniciativa foi presentada esta mañá nun acto no que participaron, ademais de Gómez e Maquieira, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; o tenente de alcalde, Tino Fernández; o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e dúas mulleres que xa asistiron a un curso anterior. Segundo expuxo a edil do PSOE, o programa ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’ ten a finalidade de que as participantes “aprendan a quererse e valorarse a si mesmas, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto, ao tempo que promoverán a súa unión social e cooperación grupal”. 

Ao longo de catro xornadas, Tegra Gómez e Patricia Maquieira desenvolverán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima, nas que guiarán a estas mulleres para que aprendan a autoxestionar o control do estrés mediante a expresión corporal, verbal e escrita. “Os talleres -indicou Maquieira- incluirán dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres”.

Yoya Blanco precisou que estes talleres terán lugar na Casa Azul os días 3, 5, 9 e 11 de novembro en horario de 10:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse no teléfono 986 86 48 25 ou na dirección de correo electrónico ‘igualdade@pontevedra.eu’. Tal e como avanzou a concelleira socialista, o curso, que ten un límite de oito prazas (por mor da Covid-19), “rematará cunha exposición fotográfica de mulleres empoderadas nos escaparates das tendas dunha rúa de Pontevedra aínda por determinar”, o que, “como edil de Promoción Económica, paréceme obviamente moi interesante para a dinamización do noso comercio de proximidade”.

Un espazo no que ninguén xulga nin se sinte xulgado

Patricia Maquieira explicou que este proxecto “saíu dunha habitación, na que a miña compañeira (Tegra Gómez) pediume que lle sacase unhas fotografías espida acompañada por uns obxectos que para ela tiñan moito valor”. “Con esta experiencia, ela viuse autoafirmada e sentiu un aumento da autoestima e unha autoaceptación do seu corpo como muller. Logrou fusionar o físico e o intelecto. Tras outra experiencia un pouco traumática que eu pasei nunha convivencia, uníronse as dúas experiencias e naceu ‘Namórate de ti’. Queremos que sexa un lugar cálido, onde ninguén se xulgue e se sinta xulgad@”, contou Maquieira.

Entre as dinámicas que se desenvolverán inclúese a escritura nos corpos de frases sobre como queren estar esas mulleres dentro dun ano ou os obxectivos que se plantexan para superarse nun tempo razoable; a conexión coa natureza; a danza; a expresión corporal… Delas sairán as fotos finais, que formarán parte dun ‘book’ que se entregará a cada participante. Elas mesmas deberán seleccionar a foto que sairá nos escaparates de Pontevedra e elaborar un texto sobre os sentimentos e emocións que experimentaron (medo, vergoña, liberación…).

En opinión de Maquieira, outro dos valores esenciais do programa é o de xerar un vínculo entre tódalas mulleres, de cara a crear “máis redes de mulleres que se queiran moito, se empoderen e se liberen de prexuízos”.

A axente de Igualdade Mercedes Renda indicou que esta actividade está aberta “a mulleres desempregadas ou en calquera situación de vulnerabilidade, pero dende o CIM derivamos e recomendamos especialmente este obradoiro a mulleres que sofren violencia de xénero, xa que non é simple curso de fotografía, senón que nel se traballan aspectos transversais importantísimos e se traballan en grupo, en rede”. Ao seu xeito de entender, “funciona como unha especie de terapia de grupo no que se abordan conceptos como o amor propio ou a parte física da expresión corporal que serve para rachar cunha violencia estrutural que as mulleres sofremos cos nosos corpos”, e tamén como “unha rede de sororidade, de apoio e de comprensión entre mulleres”.

“Este curso supuxo un punto de inflexión para min”

Segundo testemuñou Mer Paratcha, unha muller participante anteriormente nos talleres, trátase dunha experiencia que lle resultou “moi fortalecedora” e que permite afrontar cuestións como “a falta de autoestima, o arma que teñen para manterte maltratada, humillada e sen traballo”. “Este curso supuxo un punto de inflexión para min. O traballo segue, pero as ferramentas que che dan son incribles e ademais te levas unha familia, porque a ‘piña’ que fas coas compañeiras é brutal. É certo que son poucos días e que sería perfecto que durase máis e tivese máis días, pero temos un grupo de whatsapp desta familia e nós seguimos en contacto todo o ano, entre nós e co CIM”, asegurou.

Neste mesmo sentido, outra das participantes, Ángela Casal, admitiu que, aínda que se anotou “toda convencida pensando que era un curso de fotografía”, foi “unha experiencia marabillosa na que axudas e te axudan, que debería facerse máis e máis a miúdo”. “Non son moi de falar, porque pronto me emociono -afirmou visiblemente emocionada-, pero teño que dicir que me parece un proxecto moi bo para as mulleres e que sen dúbida repetiría”.