O Concello avanza nos protocolos de acceso aos cemiterios municipais de cara á xornada de Santos

32
  • A falta de directrices da Xunta, colocarase cartelería con indicacións xeráis nos camposantos San Amaro, Pontesampaio, Lourizán, Campañó e Bora.
  • San Amaro contará tamén con sinalización vertical e horizontal para organizar o sentido de circulación das persoas visitantes
  • Os días 31 de outubro, e 1 e 2 de novembro todos os recintos abrirán en horario continuado de 9 a 19h.

A concelleira Carme Fouces avanzou esta mañá as medias que está a tomar o Concello de Pontevedra respecto ao acceso aos cemiterios nas xornadas de Defuntos e Todos os Santos, a falta polo momento de recibir directrices da Xunta de Galicia: “é un día de moita afluencia e que pode resultar conflitivo no marco desta pandemia. Estamos á espera dunhas prometidas instrucións que a Xunta dixo que ía sacar pero aínda non as sacou e nós temos que empezar a traballar para producir toda a cartelería e normativa que ten que estar colocada para estas datas”.

Todos os cemiterios contarán con cartaces á entrada con indicacións básicas como o uso da máscara e a distancia de seguridade. Incluirán tamén un chamado á responsabilidade de todo o mundo para que teña en conta que “o mes de novembro é o mes de Santos e non é necesario que nos aglomeremos todos ese día nos cemiterios e espallemos todo o posible as visitas, sobre todo no caso da xente maior, que se achegue con anterioridade ou mellor a posteriori”.     

No caso de San Amaro, por dimensións e afluencia, contará a maiores con sinalización vertical e horizontal en todo o camposanto indicando o sentido de circulación que os/as visitantes deberán seguir en todo momento. O acceso ao mesmo só se poderá realizar a pé. Permitirase o acceso de vehículos previa solicitude telefónica no caso de persoas con mobilidade reducida.

Nos 5 recintos estará prohibido o acceso con mascotas ou con comida ou bebida , “aínda que pareza que non é preciso dicilo, ás veces é necesario. Tamén limitaremos o tempo de estancia, recomendado non sobrepasar a media hora. Seguimos apelando á responsabilidade da xente, e agardamos que se no momento que deciden achegarse a visitar se hai certa aglomeración, decidan regresar noutro momento ou alomenos, cumpran a distancia de seguridade. Non haberá xel hidroalcólico a disposición xeral por mor dos problemas que está a xerar. É mellor que cada quen leve o seu propio e se desinfecte as mans. Por último e para evitar contaxios, estarán pechadas as billas durante as 3 xornada sinaladas. Antes e despois estarán abertas para que a xente arregle os panteóns. Imos tomas todas as medidas para que sexa unha xornada tranquila, feliz e que non haxa contaxios”