Pontevedra contará con 15 km de senda contínua por espazos naturais

17
  • Na primavera de 2021, data de remate do paseo peonil entre Mollavao e o Cabo, poderase gozar dunha senda contínua polas beiras da ría e do río Lérez, desde Bora ata preto de Marín
  • A primeira fase da obra estará rematada en decembro, mentres que o tramo que pivotará sobre o mar se executará o vindeiro ano

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o tenente de alcalde, Tino Fernández, e os concelleiros de Obras e de Urbanismo, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, acompañaron esta mañá ao delegado do Goberno, Javier Losada, na visita ás obras de ampliación do paseo peonil entre Mollavao e O Cabo. Durante a visita, tanto alcalde como delegado do Goberno coincidiron en que este proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e situaron a data de finalización da obra completa na primavera do vindeiro ano. 

A visita realizouse á primeira fase do proxecto, que se atopa xa moi avanzada e que se prevé estea finalizada a finais de ano. Trátase da pasarela peonil con carril bici de 1.200 metros que entronca coa zona do paseo xa construído na cidade e que chega ata Mollavao. A segundo tramo, que se executará o vindeiro ano, dá continuidade ata a pasarela de Placeres e consistirá nunha pasarela metálica de 800 metros que pivotará sobre o mar. Segundo explicou Javier Losada “esta é a parte máis complicada e, neste momento, estase estudando o replanteo para atopar unha solución adecuada e cumprir os prazos establecidos na adxudicación”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores manisfestou a súa “satisfacción” polo avance da obra “nun prazo razonable de tempo” e salientou a importancia desta actuación  para “gozar dun espazo natural importantísimo e seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra”. O alcalde fixo fincapé en que este proxecto complementa as actuacións xa realizadas con anterioridade para recuperar espazos naturais relacionados tanto coa ría como co río Lérez o que permite dispoñer de máis de 15 kilómetros de paseo desde preto de Bora ata a conexión da pasarela peonil existente ata Marín. “É un luxo para todos os pontevedreses” asegurou e insistiu en que “ademais necesario, dunha banda para disfrutar dos nosos espazos naturais e doutra para realizar unha actividade física que é fundamental nunha sociedade que cada vez se move máis por outros métodos”. Fernández Lores aproveitou para poñer en valor a necesidade de “realizar desprazamentos máis naturais que implican estar loitando contra o cambio climático e a redución de emisións”. 

Ademais dos beneficios que esta actuación achega para a calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas, o alcalde tamén salientou “a xeración de actividade económica nuns momentos complicados nos que é moi necesario, e polo tanto seguiremos traballando conxuntamente para que o investimento público sexa o máximo posible para reactivar a economía e xerar actividade e emprego para todos”.

O proxecto conta cun investimento de 2,5 millóns de euros por parte do Ministerio para la Transición Ecológica e, unha vez executado, completará 2 quilómetros de paseo marítimo entre a cidade e o Cabo.