Concello e SD Teucro unen forzas para fomentar unha dieta saudable e exercicio físico regular entre o alumnado de 3º e 4º de Primaria de Pontevedra

55
  • As concellerías de Deportes e Educación colaboran co club no proxecto educativo ‘Saúde, alimentación e actividade física’, financiado cunha achega municipal de 10.000 euros
  • O programa incluirá charlas-obradoiros protagonizadas por xogadores e corpo técnico e a entrega de kits de merenda saudable, folletos informativos e guías para o profesorado

Concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de facer exercicio físico regular e levar unha dieta saudable son os principais obxectivos do proxecto educativo ‘Saúde, alimentación e actividade física’, impulsado pola SD Teucro en colaboración coas concellerías de Deportes e Educación. A iniciativa, financiada cunha achega municipal de 10.000 euros, está destinada ao alumnado de 3º e 4º curso de Primaria dos centros escolares da cidade e incluirá o desenvolvemento de charlas-obradoiros protagonizadas por un monitor e por xogadores e corpo técnico do club e a entrega de kits de merenda saudable para os rapaces, folletos informativos para as familias e guías para o profesorado.

A través desta actividade preténdese implicar ás nenas e nenos na defensa da saúde propia e colectiva. Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, “unha alimentación pouco saudable e un estilo de vida sedentario son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes e ámbalas dúas cousas son modificables”. “Estes hábitos comézanse a adquirir aos tres ou catro anos e establécense a partir dos once, cunha tendencia a permanecer ao longo da vida. A infancia é, por este motivo, un período crucial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van determinar o estado de saúde do futuro adulto”, subliña Fernández.

Entre os obxectivos pedagóxicos do proxecto ‘Saúde, alimentación e actividade física’ contémplase os de asociar a saúde coa mellora da calidade de vida, comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico, adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións e amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comportan hábitos pouco saudables (en particular os publicitarios).

As charlas nos colexios terán unha duración aproximada de 50 minutos e levaranse a cabo durante o primeiro trimestre escolar en grupos/aulas de entre 20 e 25 nen@s. Durante a sesión entregarase a cada rapaz/a unha bolsa de tea cun kit de merenda saudable e un folleto informativo para as familias sobre alimentación e actividade deportiva. Ao finalizar o obradoiro distribuirase entre o profesorado unha guía para perfeccionar e mellorar o contido exposto na charla.

Os colexios teñen ata o 30 de outubro para inscribirse no programa

Tino Fernández indica que os centros escolares interesados en participar no programa do Concello e a SD Teucro teñen de prazo para inscribirse ata o día 30 de outubro. “Todos aqueles colexios que queiran recibir estas charlas -precisou o concelleiro socialista- poderán rexistrarse na dirección de correo electrónico ‘educacion@pontevedra.eu

Nestes intres xa están adheridos ao proxecto os seguintes centros:

  • CEIP Santo André de Xeve (2 grupos): un de 23 alumnos/as de 3º de EP e outro de 21 de 4º de EP.
  • CEIP Cabanas (2 grupos): un de 24 alumnos/as de 3º de EP e outro de 23 de 4º de EP.
  • CEIP San Martiño (2 grupos): un de 24 alumnos/as de 3º de EP e outro de 25 DE 4º de EP.
  • CEIP A Xunqueira I (4 grupos): dous de 21 e 20 alumn@s de 3º de EP e outros dous de 19 e 18 de 4º de EP.
  • CEIP Parada-Campañó (3 grupos): dous de 15 e 14 alumn@s de 3º de EP e outro de 14 de 4º de EP.
  • CPR San José (2 grupos): un de 25 alumnos/as de 3º de EP e outro de 26 de 4º de EP.
  • CEIP Vilaverde (4 grupos): dous grupos de 25 alumn@s de 3º de EP e outros dous de 25 de 4º de EP.
  • CEIP Álvarez Limeses (4 grupos): dous grupos de 25 alumn@s de 3º de EP e outros dous de 25 de 4º de EP.