Benestar Social convoca aos centros educativos a unha reunión para explicarlles o funcionamento do programa inclusivo ‘Manciñas 20Vente-20Vente’

72
  • O Conservatorio Manuel Quiroga súmase a esta iniciativa de Concello e Xoga para a sensibilización sobre a lingua de signos e a comunicación da poboación con diversidade sensorial

A Concellería de Benestar Social celebrará o vindeiro martes 27 de outubro ás 19:00 horas na biblioteca do Centro de Educación para Persoas Adultas Río Lérez (avenida de Bos Aires, 26) unha reunión explicativa sobre o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’, impulsado polo departamento municipal e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) co obxectivo de dar a coñecer a lingua de signos e a realidade da comunicación da poboación xorda, con perda auditiva e xordocega. A este encontro, que tamén servirá para amosar o funcionamento da plataforma de acceso do proxecto, están convocados tódolos centros de Educación Primaria de Pontevedra e o Conservatorio de Música Manuel Quiroga, que vén de sumarse á iniciativa.

Tal e como apunta o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a esta reunión só poderá acudir unha persoa en representación de cada centro, xa sexa do profesorado ou alguén interesado pola accesibilidade universal e/ou a educación musical inclusiva, confirmando previamente asistencia a través do correo ‘agonzalez@pontevedra.eu’”. O edil socialista lembra que, “no seu propósito de superar as limitacións invisibilizadas que cada día se impoñen ás persoas con diversidade sensorial e buscando a accesibilidade, a inclusión e a comunicación sen límites, a Concellería e Xoga decidiron poñer en marcha ‘Manciñas 20Vente-20Vente’, en colaboración co cantante Nelson Quinteiro”.

O programa está especialmente dirixido a alumnos e profesores de 3º e 4º de Primaria de centros educativos da cidade e do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, así como aos seus pais e nais, e desenvolverase en formato online. 

“Un dos principais atractivos deste proxecto é o traballo que se fixo sobre o vídeo musical do tema ‘Nun Bou’, unha muiñeira interpretada por Nelson Quinteiro e o pianista Brais González e que pertence ao disco ‘Músicas de Domingo’. A peza audiovisual que se creou para uso exclusivo dos colexios foi signada por unha nena”, explica Marcos Rey.

Ademais, distribuiranse signobularios (vocabulario en lingua de signos) que achegan nocións básicas de lingua de signos como as cores, os días da semana, os saúdos e a letra da canción signada, así como claridade sobre conceptos básicos sobre a inclusión das persoas con diversidade sensorial. ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ estará colgado na plataforma do Concello de Pontevedra e, para poder acceder ao seu contido, facilitarase unha clave a cada centro participante.

O vídeo do tema musical do proxecto pódese atopar no seguinte link (o didáctico, que está adaptado e inclúe a letra da canción, está só a disposición dos centros educativos): https://www.youtube.com/watch?v=XJ6A4dPiIwQ&feature=youtu.be.