Tino Fernández solicita formalmente a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación para financiar o campo de fútbol de Salcedo

64
  • En base ao acordo solicitado polo concelleiro de Deportes, a institución provincial outorgaríalle ao Concello unha subvención polo custe total do proxecto, que ascende a máis de 1,6 millóns de euros

Á espera de recibir as autorizacións tramitadas hai un mes coa Axencia Estatal de Seguridade Aerea (Aesa) e o Ministerio de Defensa, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, acaba de dar un novo paso adiante para a construción dun campo de fútbol de herba sintética da parroquia de Salcedo, preto das instalacións da Brilat. O edil socialista solicitou formalmente esta semana a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación para financiar a execución deste proxecto. En base ao acordo que se pretende rubricar, a institución provincial outorgaríalle ao Concello unha subvención polo custe total da actuación, cuxo orzamento base de licitación ascende á contía de 1.621.644 euros.

Deste xeito, Fernández amósase decidido a darlle un empurrón definitivo ao inicio das obras do futuro terreo de xogo, cuxa tramitación levaba atascada dende o anterior mandato. Tal e como constata, “o pasado 13 de agosto solicitouse á Deputación o outorgamento desa subvención polo 100% do proxecto, comprometéndose o Concello a asumir cantas responsabilidades e compromisos se establezan no futuro convenio regulador da subvención”. “Por outra banda -apunta o tenente de alcalde- no escrito que asinei esta semana tamén solicito que a vixencia do acordo de colaboración se estenda ata o 31 de decembro de 2023, coa finalidade de garantir a axeitada xustificación da subvención que, no seu caso, outorgue a institución provincial”.

A Concellería de Deportes remitiu a finais de setembro sendas peticións de autorización a Aesa e o Ministerio de Defensa que resultan necesarias para poder executar o proxecto. 

A relativa á Axencia Estatal de Seguridade ten que ver co feito de que as torres de iluminación do novo campo de fútbol deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez terán unha altura duns 20 metros e a normativa de servidumes aeronáuticas obriga a pedir permiso. No que atinxe ao Ministerio de Defensa, os terreos sobre os que se construirá o campo usábanse antigamente como campo de tiro (motivo polo que se atopan explanados), se ben unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade a súa titularidade pertencía aos comuneiros de Salcedo.

A Xunta de Goberno debe aprobar a recepción dos terreos

Non obstante, a pesar de tratarse duns terreos clasificados como rústicos e de protección forestal dende 2011, a Xunta da Mancomunidade de Montes acordou en 2019 a súa cesión ao Concello para uso deportivo, polo que o único trámite que queda pendente neste senso é que a Administración local aprobe a recepción deses 14.800 metros cadrados en Xunta de Goberno. “Agardo que o expediente poida incluírse en breve na orde do día”, sostén o tenente de alcalde.

Segundo explica Tino Fernández, a presenza de petróglifos no contorno da parcela na que se creará o campo de fútbol tamén obriga á Concellería de Deportes a informar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, se ben estes se atopan bastante afastados e “o trámite limítase á emisión dun mero informe por parte do arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro”. 

O futuro terreo de xogo terá unhas dimensións de 100×58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra tódalas instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada.