Iván Puentes coordina coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro unha intervención para eliminar o fungo que ameaza ao Carballo de Santa Margarida

24
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegúralles aos comuneiros de Mourente que se actuará “coa maior dilixencia posible para devolver a saúde a este exemplar, símbolo da nosa cidade”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, púxose esta mañá en contacto coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro para coordinar unha intervención que permita atallar a praga de fungos que, tal e como denunciou a Comunidade de Montes de Mourente, ameaza a vida do Carballo de Santa Margarida. O edil socialista asegúralles aos comuneiros  que tanto o Concello como o centro dependente da Deputación farán todo o que estea nas súas mans “para devolver a saúde e conservar en boas condicións este exemplar, que é non só unha árbore senlleira senón tamén un símbolo da nosa cidade”.

Puentes avanzou que se actuará “coa maior dilixencia posible”, realizando canto antes “unha avaliación previa do estado de saúde do Carballo” e estudando “os posibles tratamentos e actuacións”. “Temos que ver cal é a gravidade do fungo detectado (ademais de oídio, os comuneiros constataron unha infección por Taphrina Caerulescens) -apunta- e a posible presenza doutros que se poidan atopar nas raíces, para poder aplicar o tratamento oportuno”.

Segundo lembra o concelleiro, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, “centro referente a nivel nacional no que atinxe a fitopatoloxía e estudo de pragas”, xa executou varias accións destinadas á conservación do exemplar. Ademais dunha operación de sostén da árbore mediante a instalación de apoios para evitar que continuase inclinándose, realizouse un ‘aireado’ no asfalto, abrindo unha serie de ocos e incorporando area para permeabilizar o intercambio gaseoso nas raíces.

“É evidente que o Carballo de Santa Margarida comeza a sofrer os ‘achaques da idade’ e, probablemente, estes fungos non serían tan preocupantes cunha árbore máis moza. Por este motivo, imos exercer unha vixilancia permanente e científica e poremos ao Carballo nas mans dos mellores ‘doutores’ posibles, que son os expertos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro”, subliña Iván Puentes.