O Concello aproba a licenza para a descontaminación dos terreos de Elnosa

26
  • O proxecto ten un orzamento de 2.636.525,64 euros e consistirá na retirada de terras contaminadas con mercurio e o recheo do terreo con material limpo
  • As obras teñen un prazo de inicio de 3 meses desde a notificación da licenza e de 6 meses para a execución das obras

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a concesión da licenza urbanística para a execución de obras de descontaminación do solo ocupado polas instalacións de Elnosa, na parroquia de Lourizán. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, o orzamento deste proxecto de descontaminación ascende a 2.636.525,64 euros, e o prazo de inicio das obras é de 3 meses desde a comunicación da licenza e o de execución de 6 meses. “Agardamos que este sexa o primeiro paso para unha recuperación de todos os terreos ocupados por fábricas que están onde non deben estar, e polo tanto o primeiro paso para gañar estes terreos para os pontevedreses e as pontevedresas” afirmou Anabel Gulías.

As obras consisten en escavar o volume de terras contaminadas con mercurio para, posteriormente, proceder ao seu recheo con material limpo procedente en parte da propia escavación e o resto con material de préstamo. Todo o proceso se realizará establecendo recintos estancos para evitar a migración de material contaminante, mentres que o material contaminado que se retire será levado a un xestor de residuos cualificado.

A portavoz do Goberno explicou que para a concesión desta licenza foi preciso solicitar os informes favorables da Consellaría de Medio Ambiente e da administración de Costas do Estado. Sobre o desenvolvemento dos traballos por parte da empresa, Anabel Gulías asegurou que “agardamos que sexan moi escrupulosos co cumprimento das condicións medioambientais da obra e que sexan moi escrupulosos na avaliación e na auditoría das obras, posto que para este goberno local sempre foi importante loitar pola reparación dos terreos nos que se atopaba Elnosa pola súa situación e pola súa actividade contaminante”. En canto ao proceso de recuperación destes terreos, lembrou que en abril deste ano se iniciara o proceso de desmantelamento das instalacións que consistiu no derrubo das edificacións, proxecto que contara cun orzamento de 366.692,98 euros.