A práctica totalidade dos 25 colexios públicos da cidade e o Conservatorio de Música xa se adheriron ao programa inclusivo ‘Manciñas 20Vente-20Vente’

541
  • Os centros participantes disporán dunha clave de acceso para abrir o enlace ao vídeo musical signado elaborado a partir da canción ‘Nun Bou’, interpretada por Nelson Quinteiro e Brais González
  • O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participa coa presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, nunha reunión para informar aos centros educativos acerca do proxecto municipal

A práctica totalidade dos 25 colexios públicos de Pontevedra, así como o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga e a Universidade de Vigo, xa se adheriron ao programa inclusivo ‘Manciñas 20Vente-20Vente’, impulsado pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) grazas á colaboración das concellerías de Benestar Social e de Educación. A iniciativa foi presentada hoxe a responsables dos centros de Educación Primaria nun encontro informativo que tivo lugar na biblioteca do Centro de Educación para Adultos (EPAPU) Río Lérez e no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde; o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho; a profesora do departamento de Lingua da UVigo Ana Soneira; o director do centro EPAPU Río Lérez, Carlos Medina, e a técnica municipal Ana González.

A reunión serviu para explicarlles aos asistentes os obxectivos do programa, o material didáctico que se pon á súa disposición dun xeito gratuíto e exclusivo e o xeito de acceder ás pezas audiovisuais elaboradas para o mesmo, en especial ao vídeo signado que se fixo en base á canción ‘Nun Bou’, interpretada por Nelson Quinteiro en compañía do pianista Brais González e que pertence ao quinto clip do seu disco ‘Músicas de Domingo’. Os centros adheridos disporán dunha clave persoal de acceso, que lles permitirá abrir o link e empregar o vídeo xunto co resto de materiais na aula (recibirán un email co enlace e a clave por parte do Concello).

A iniciativa está especialmente dirixida a alumnos e profesores de 3º e 4º de Primaria, así como aos seus pais e nais, e desenvolverase en formato online. Ademais do traballo que se fixo sobre a muiñeira ‘Nun Bou’, que foi signada por unha nena, distribuiranse un paquete didáctico con alfabetos dactilolóxicos e signobularios (vocabulario en lingua de signos), que achegarán nocións básicas de lingua de signos como as cores, os días da semana, os saúdos e a letra da canción signada, así como claridade sobre conceptos básicos sobre a inclusión das persoas con diversidade sensorial.

Tal e como lembrou Marcos Rey aos asistentes, este programa “ten a finalidade de dar a coñecer e sensibilizar á comunidade educativa sobre a lingua de signos e a realidade e dificultades de comunicación da poboación xorda, con perda auditiva e xordocega”. O concelleiro socialista agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo “dende o primeiro momento” a prol da diversidade sensorial e a implicación de Xoga e da súa presidenta nun proxecto “que soubo facer da adversidade unha fortaleza e que, por mor da Covid-19, pasou de estar dirixido a catro centros a estenderse a tódolos colexios”. 

Un programa inclusivo de xeito estrutural

O edil de Benestar Social subliñou que ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ é un programa “inclusivo de xeito estrutural, xa que o persoal técnico contratado por Xoga para a realización dos vídeos e a implementación do proxecto ten diversidade sensorial, o cal é para nós fundamental”. Neste sentido, o concelleiro do PSOE fixo fincapé no propósito do seu departamento de “superar as limitacións invisibilizadas que cada día se impoñen ás persoas con diversidade sensorial e de  buscar a accesibilidade, a inclusión e a comunicación sen límites”.

O vídeo do tema musical do proxecto pódese atopar no seguinte link (o didáctico, que está adaptado e inclúe a letra da canción, está só a disposición dos centros educativos): https://www.youtube.com/watch?v=XJ6A4dPiIwQ&feature=youtu.be. En caso de dúbida, os centros poderán conctatar co correo electrónico ‘agonzalez@pontevedra.eu’.