Lores pide que se “faga o esforzo máximo para priorizar” a obra da A-57

54
  • Cualificou esta infraestrutura como “absolutamente fundamental para toda a comarca e especialmente para a mobilidade industrial”
  • O alcalde de Pontevedra acompañou ao delegado do Goberno nunha visita ao actual tramo en obras A Ermida – Vilaboa

“Eu quero facer un chamamento para se faga o esforzo máximo de priorizar esta obra que é absolutamente fundamental para toda a comarca” afirmou Miguel Anxo Fernández Lores esta mañá na visita ás obras da A-57, no tramo A Ermida – Vilaboa. O alcalde de Pontevedra e o tenente de alcalde, Tino Fernández, xunto co alcalde de Vilaboa, César Poza, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, acompañaron ao delegado do Goberno, Javier Losada, na visita ás obras desta vía de alta capacidade, concretamente no viaduto sobre o río Pintos, en Marcón. 

Javier Losada explicou que as obras do tramo A Ermida- Vilaboa corresponden á primeira fase e que están nun grao de execución do 50%, cunha previsión de remate a finais de 2022. Este tramo ten unha lonxitude de 6,48 km e un orzamento de 79,4 millóns de euros. A totalidade da infraestrutura contempla dous tramos máis, Pilarteiros – A Ermida e Curro – Pilarteiros, que se atopan en distintas fases de tramitación.

Pola súa banda, o alcalde insistiu en “que se priorice dunha maneira clara esta obra porque xa sufrimos sucesivos retrasos” ao tempo que lembrou que Pontevedra “debe ser a única capital de provincia que non ten unha circunvalación libre de peaxes en todo o Estado español”.

Fernández Lores cualificou esta infraestrutura como “unha obra transcendental para a mobilidade en toda a comarca e especialmente para a mobilidade industrial” en referencia en que dará servizo a tres polígonos, o de Barro-Meis, o da Reigosa e o do Campiño, e os conectará directamente con áreas industriais, como por exemplo as de Vigo. Tamén lembrou que a posta en funcionamento desta circunvalación “reducirá moitísimo o tráfico no nó do Pino e no nó do Marco” ao tempo que funcionará como unha “conexión necesaria con Vilaboa, con Barro, con Campo Lameiro e con toda a comarca”.