Os cans máis áxiles do Norte de España e de Portugal regresan a fin de semana do 14 e o 15 de novembro ao campo de fútbol de Marcón

18
  • Promoción Económica e Benestar Animal impulsan unha nova Proba de Agility, organizada polo Club Agility Patas e a Sociedade Canina Galega en colaboración con Arion e Miro Agility

Tralo éxito de participación do evento celebrado os pasados 17 e 18 de outubro, os cans e cadelas máis áxiles de Galicia, Asturias e Portugal regresarán a Pontevedra a fin de semana do 14 e o 15 de novembro nunha nova Proba de Agility puntuable para o Campionato de España da especialidade. A competición, organizada polo Club Agility Patas e a Sociedade Canina Galega en colaboración coas firmas Arion (especializada en alimentación de mascotas) e Miro Agility Training & Professional Equipment grazas ao patrocinio das concellerías de Promoción Económica e de Benestar Animal, volverá desenvolverse no escenario do campo de fútbol de herba sintética de O Carrasco (Marcón), seguindo uns protocolos de seguridade autorizados pola Xunta.

A Proba de Agility, que terá como xuíz principal a Juan Antonio Lanzó e como xuíces de prácticas a Iván Amez e Alejandro Salas, dará comezo o sábado 14 ás 16:00 horas, co seguinte programa: Grao 1, dúas mangas de Agility e unha manga de Jumping; Grao 3, Jumping e Agility, e Grao 2, Agility e Jumping. O domingo 15, a competición desenvolverase pola mañá, iniciándose a partir das 10:00 horas: Grao 1, dúas mangas de Agility e unha manga de Jumping; Grao 3, Jumping e Agility, e Grao 2, Agility e Jumping.

Os organizadores manterán aberto o prazo de inscricións para as distintas categorías e graos ata as 13:00 horas do 11 de novembro, cun límite 100 cans e cadelas (na proba anterior inscribíronse uns 80) e agardando contar con algúns campións nacionais e participantes en mundiais de Agility en anos anteriores. “A competición -explica a socialista Yoya Blanco- é absolutamente espectacular e será emitida en streaming a través de Facebook, polo convido a todo o mundo a seguila de xeito seguro dende a casa. É un deporte moi aditivo”.

O Agility é un deporte para cans e persoas que consiste en guiar ao can para que percorra un circuíto cheo de obstáculos, no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas. O can debe comprender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía para poder seguir as súas indicacións e sortear os obstáculos coa máxima axilidade posible. Durante o percorrido, o guía debe decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión.

Os xuíces encargaranse de que cada pista se realice no tempo establecido e valorarán as faltas ou erros do guía ou do can. Os percorridos desta disciplina, de lonxitudes de entre 100 e 200 metros, desenvólvense en pistas oficiais que teñen unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros. Dependendo da categoría na que compitan, terán que superar entre 15 e 22 obstáculos. O guía dispón de sete minutos para memorizar o percorrido antes do inicio da competición e non está permitido levar nada nas mans nin tocar aos obstáculos ou ao can.

Uso de mascarilla obrigatorio en todo momento

A celebración da proba rexerase polo regulamento e normas de Agility da Real Sociedade Canina de España (RSCE) e será obrigatorio o uso de mascarilla en todo momento, salvo no transcurso da competición. Haberá tres graos diferenciados: Grao 1, no que están incluídos os participantes que acceden á modalidade de Agility, constituíndo o nivel básico ou elemental; Grao 2, que corresponde cun nivel de dificultade medio, e Grao 3, que constitúe o máximo chanzo da modalidade de Agility RSCE (os trazados dos seus percorridos, así como a velocidade e os tempos de execución, conlevan unha maior dificultade na súa realización).

Prevense tres categorías en competicións e probas de Agility nacionais que organiza ou autoriza a RSCE e cinco alturas de salto:

1.A categoría pequena (small), para cans por debaixo de 35 cm de altura á cruz, subdividida en dous subcategorías, cada unha coa súa altura de salto:

a) A subcategoría XS, para cans por debaixo de 28 cm (27,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 15 a 20 cm.

b) A subcategoría S, para cans de 28 ata 35 cm (34,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 25 a 30 cm.

2. A categoría mediana (medium), para cans de 35 ata 43 cm (42,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 35 a 40 cm.

3. A categoría estándar (large), para cans de 43 cm ou máis de altura á cruz, subdividida en dúas categorías, cada unha coa súa altura de salto:

a) A subcategoría L para cans de 43 ata 50 cm (49,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 45 a 50 cm.

b) A subcategoría XL para cans de 50 cm ou máis de altura á cruz, cunha altura de salto de 55 a 60 cm.