Pontevedra continúa espertando o interese internacional no deseño das cidades pos Covid

1
  • O alcalde presentou fisicamente o premio de Seguridade Vial outorgando a Pontevedra pola Comisión Europea
  • Poznan, Arxentina e Chile súmanse ás cidades e países que fixan a súa mirada no modelo urbano pontevedrés durante este ano

Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá fisicamente o Premio de seguridade viaria que a Comisión Europea lle outorgou a Pontevedra. Trátase do primeiro premio convocado pola UE, que fora fallado o pasado mes de marzo e ao que se presentaran 26 cidades de toda Europa entre as que se atopaban 10 españolas. “É un premio moi importante para Pontevedra e eu definiríao como un chanzo máis dentro da proxección internacional da cidade” asegurou o alcalde, ao tempo que engadiu que “forma parte desa chuvia miúda de premios e de recoñecementos internacionais, aínda que neste caso eu diría que é un chuvasco de 30 litros por metro cadrado porque ser a primeira cidade de todos os Estados membro da UE que leva o premio para nós é moi importante”.

O alcalde, que lembrou que por mor da pandemia non foi posible recoller este galardón en Bruxelas, indicou que precisamente pola aparición da Covid “estamos sendo invitados, chamados, consultados e tidos en conta á hora de falar sobre como deben ser as cidades despois desta pandemia”. Neste sentido, quixo salientar que Pontevedra está “na vangarda dos modelos urbanos en relación coa seguridade vial pero tamén co medio ambiente e coa calidade urbana, e somos unha referencia para a loita contra o cambio climático, para a transición ecolóxica, para o dinamismo urbano, comercial e turístico, e mesmo tamén para o pos-Covid”.

Fernández Lores fixo un repaso polas vindeiras citas e solicitudes de información chegadas ao Concello recentemente para abordar cuestións relacionadas coa calidade urbana e as cidades pos-Covid. Así, unha das primeiras intervencións previstas terá lugar o vindeiro 4 de novembro na cidade polaca de Poznan. Trátase dunha intervención telematica no marcho do Foro de Desenvolvemento da Cidade, que estaba prevista para os días 21 e 22 de outubro de xeito presencial e que foi adiado e reformulado para celebralo online. 

A seguinte cita será o 12 de novembro no Foro de Mobilidade de Lugo, e o 17 de novembro, o alcalde será o único representante municipal convidado a unha xornada organiza por eldiario.es e na que tamén está prevista a participación da vicepresidenta e ministra de Transición Ecológica, Teresa Ribera. 

Ademais dos relatorios nestas xornadas, Fernández Lores tamén fixo un repaso polas peticións de información que chegaron desde países como Arxentina e Chile. En Arxentina a solicitude chega dun grupo de urbanistas que están traballando no planeamento de cidades tan importantes como Rosario ou Asunción (a capital de Uruguay). Desde Chile a solicitude chega desde o goberno do país que, a través da UE, solicita información de catro expertos mundiais en relación coa calidade urbana, entre os que se atopa o Concello de Pontevedra. O alcalde tamén mencionou a participación en programas de diferentes cadeas de televisión en relación co modelo de cidade, como no progama “Seguridade Vital” de TVE ou nun programa sobre eco-sostibilidade da RAI-3 italiana.

“O modelo urbano está dando resultados na proxección exterior e na promoción da cidade, e ten moitísimo percorrido” asegurou Fernández Lores. Indicou que tras a aparición da pandemia “estamos practicamente comezando porque isto é unha cuestión exponencial” e baseou o interese que esperta Pontevedra en que ” temos un modelo integral pensado para as persoas, holístico, que é un modelo redondo e integral, e que non hai moitos no mundo”.