O Concello ordena a retirada do peche do predio do Pazo de Gondar

29
  • O departamendo de Urbanismo abre expediente de reposición da legalidade urbanística, que implica a retirada inmediata do arame de espiño e a suspensión da actividade gandeira nos terreos do Pazo de Gondar
  • Este expediente atende á denuncia realizada recentemente pola Comunidade de Montes en Man Común de Santa María de Xeve e da plataforma veciñal ‘Pola defensa das terras’ 

O departamento de Urbanismo, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, vén de abrir un expediente de reposición da legalidade urbanística en relación ao peche e ao aproveitamento gandeiro dun predio que pertence ás fincas do Pazo de Gondar, no lugar do Frieiro da parroquia de Santa María de Xeve. Este expediente chega despois de que a Policía Local e o inspector municipal emitiran diversos partes e informes sobre a ilegalidade tanto de dito peche como da actividade gandeira, aos que recentemente se lles sumaron escritos de denuncia da Comunidade de Montes en Man Común de Santa María de Xeve e da plataforma veciñal ‘Pola defensa das terras’.

Mediante este expediente ordénaselle á persoa denunciada por estes feitos (arrendatario do solo e titular da actividade) a retirada inmediata do arame de espiño utilizado no peche, por cuestións de seguridade, toda vez que pode causar lesións a persoas e animais; así como a suspensión inmediata da actividade gandeira que está a desenvolver na finca obxecto de denuncia, por carecer de licenza.

Segundo o informe que motiva o expediente, levouse a cabo un peche dun predio de grandes dimensións, pertencente ao Pazo de Gondar, a base de postes de madeira e arame de espiño, mesmo utilizando nalgún punto árbores e restos de muros de pedra  antigos como soporte. O peche tamén inclúe un enreixado metálico nun tramo que coincide co camiño, que se utiliza nos accesos a modo de ‘cancelas-somiers’. 

Desde o servizo municipal de Disciplina Urbanística arguméntanse varias infraccións cometidas coa realización destas obras, como carecer da preceptiva autorización municipal para a execución das mesmas e desenvolver unha actividade gandeira na finca sen ningún tipo de autorización. Ademais, o predio obxecto da denuncia forma parte das fincas da Casa de Gondar que se atopa incluída dentro do ‘Catálogo de edificacións e elementos a conservar’ e nunha área de cursos de auga polo que as obras tamén terían que ter as preceptivas autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio e de Augas de Galicia, sen que ningunha destas autorizacións fosen achegadas. 

Sobre os materiais empregados, desde Disciplina Urbanística infórmase de que os fíos de arame de espiño non serían legalizables por tratarse dun uso incompatible co ordenamento urbanístico, ao incumprir co establecido no artigo do Plan Básico Autonómico de Galicia que recolle que non se permitirá o remate de peches con elementos que poidan causar lesións a persoas ou animais. Por último, tamén indica que o peche nos puntos en que linda co camiño non respecta o recuamento de 4 metros a eixo de camiño, infrixindo o artigo 92 da Lei do Solo de Galicia.