Á venda as entradas para a presentación do disco “Naialma” de Alberto Vilas

5
  • O concerto do que é o primeiro traballo en solitario do pianista, terá lugar o domingo 15 de novembro ás 20:00h. no Principal
  • O aforo estará limitado a 60 persoas por mor das restricións actuais e xa se poden adquirir as entradas en Ataquilla.com a un prezo de 8€ (4€ para Carné Xove, desempregados e maiores de 65)

O Teatro Principal acollerá o vindeiro domingo 15 de novemebro, dentro da programación cultural do Concello que xa avanzara no seu momento Carme Fouces, o concerto do pianista Alberto Vilas “Naialma”. O que é o seu primeiro traballo en solitario, o mais íntimo e persoal, está formado por  temas compostos ao longo do tempo e como e “agora saen como do ventre dunha nai. Por isto titúlase Naialma, xogo de palabras que remite ás denominacións galegas de nai e alma”, apunta Alberto.

Este proxecto musical, concebido para se amosar en espazos onde o silencio natural enmarque a obra, carballeiras, atrios, mosteiros ou prazas particulares, lonxe do ruido, foi estreado no Carballo das Cen Pólas – unha popular carballeira redondelá – e chega agora mantendo o concepto ao Teatro Principal. As entradas, a 8€ (4€ para Carné Xové, desempregados e maiores de 65) están xa á venda en Ataquilla.com cun aforo máximo de 60 persoas. De no completarse a venda, o mesmo día do espectáculo de 18  19h. na propia billeteira do teatro.

Alberto Vilas estudou piano no Conservatorio Profesional de Vigo con Chan-Rok Moon e composición con Carlos Cambeiro Alís. Entregado á música dende os 15 anos, até agora, gravara a súa obra dentro de diferentes formacións de jazz, xénero ao que adica varios anos de aprendizaxe no  Seminario de Jazz de Pontevedra e en numerosos cursos de especialización. En 2011 publica Experianza, en 2014, Crónica Cromática e dous anos despois Ubuntu. Forma parte dende 1988 do grupo Tangata co que gravou 4 CDs.

É autor das bandas sonoras de varios documentais e ten colaborado en discos de artistas moi diversos como a cantante Uxía, a quen tamén acompaña moitas veces en vivo; a cantante Sonia Lebedinsky; Magín Blanco; o polifacético actor e titiritero Tatán; o gaitero Xulio Lorenzo e o cantautor galego Tino Baz. Últimamente, puxo o seu piano ao servizo do mito portugués Vitorino.

Alberto Vilas tiña Naialma listo para se presentar na primavera de 2020, e tivo que retrasalo por mor da pandemia. Durante os cincuenta días que durou o confinamento non deixou de compor: pezas urxentes, ao fío do estado de ánimo dos confinados. Unha composición nova cada día, até 50 pezas que ía colgando a diario nas redes sociais baixo o titulo Cuaderno de Bitácora.