O Concello aproba a recepción dos terreos para construír o novo campo de fútbol de Salcedo

44
  • A Concellería de Deportes recibe autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para levantar as torres de iluminación de máis de 20 metros e informe positivo do arqueólogo municipal
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, agarda que “o permiso do Ministerio de Defensa e a sinatura do convenio de colaboración coa Deputación se poidan materializar nas vindeiras semanas”

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a recepción dos arredor de 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes para a construción do novo campo de fútbol de herba sintética da parroquia de Salcedo, nas inmediacións das instalacións da Brilat. En paralelo, a Concellería de Deportes acaba de recibir a pertinente autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para levantar as futuras torres de iluminación do campo e o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, vén de remitir un informe positivo en relación aos petróglifos situados nas proximidades da parcela, polo que o Concello só está pendente do permiso do Ministerio de Defensa e da sinatura do convenio coa Deputación para poder darlle luz verde definitiva a esta importante actuación.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agarda que tanto a autorización de Defensa como a formalización e rúbrica do acordo de colaboración, polo que a institución provincial lle outorgaría á Administración municipal unha subvención polo custe total do proxecto (cuxo orzamento base de licitación ascende a máis de 1,6 millóns de euros), “se poidan materializar nas vindeiras semanas”. “A pesar de que os terreos nos que se construirá o campo de fútbol estaban clasificados como rústicos e de protección forestal dende 2011, a Xunta da Mancomunidade de Montes acordou en 2019 a súa cesión ao Concello para uso deportivo, polo que era preciso que a Xunta de Goberno Local aprobase a súa recepción”, explicou o edil socialista.

No que atinxe á autorización en materia de servidumes aeronáuticas, Aesa informou recentemente ao Concello sobre a súa decisión de permitir  a construción do campo de fútbol e a instalación das torres de iluminación, que terán unha altura de 24,61 metros. Segundo sinala a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, “unha vez analizada a documentación recibida” e comprobado que a construción e as instalacións proxectadas se “en terreos que están afectados polas servidumes aeronáuticas establecidas para o Aeroporto de Vigo”, os servizos técnicos de Aesa verificaron que “non vulneran ningunha das citadas servidumes”.

Non obstante, a autorización está condicionada ao cumprimento dos valores de altura e elevación indicados, polo que se fora necesaria a utilización de medios auxiliares que os superen “deberá solicitarse a correspondente autorización de forma previa”. “Comunícase -precisan dende Aesa- que Axencia Estatal de Seguridade Área terá ademais as facultades de inspección e vixilancia en relación exclusiva ao cumprimento dos acordos”.

Non é necesario tramitar o proxecto ante a Consellería de Cultura

Tino Fernández lembra que “a obra proxectada está situada nas inmediacións de varios xacementos arqueolóxicos catalogados, todos eles petróglifos”. En base ao informe emitido polo arqueólogo municipal, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece un contorno de protección de 200 metros para este caso, polo que “o ámbito de obra non afecta a estes contornos” e só o ángulo noroeste estaría no límite do contorno do petróglifo máis próximo, tocando só o extremo”. “Tendo en conta isto -matiza Xoán Carlos Castro- non considero necesaria a tramitación do proxecto de obra ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura para a súa autorización, nin realizar unha intervención arqueolóxica en relación coas obras”. 

O arqueólogo municipal argumenta ademais que a obra se localiza “nun espazo completamente alterado na súa topografía orixinal, polo tanto sen ningún interese dende o punto de vista do patrimonio cultural e ningunha probabilidade de que poda conservarse calquera vestixio arqueolóxico”, polo que “non terá ningún tipo de impacto directo sobre o patrimonio cultural”. “Cabe estimar un impacto indirecto, neste caso visual -matiza-, ao situarse o ámbito próximo a varios petróglifos catalogados, pero neste caso estamos falando dunha superficie de terreo desmantelada e na que se afondou considerablemente: o impacto non será maior que o actual, e tamén entendo que a restauración da topografía orixinal non é unha opción sinxela nin que se fora considerar. Este impacto daríase en todo caso con respecto aos petróglifos situados ao noroeste do campo de tiro, no denominado Outeiro da Mina”.

No que se refire á autorización solicitada ante o Ministerio de Defensa, os terreos sobre os que se construirá o campo usábanse antigamente como campo de tiro (motivo polo que se atopan explanados), se ben unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade a súa titularidade pertencía aos comuneiros de Salcedo. En calquera caso, a Concellería de Deportes decidiu pedir o visto bo do Ministerio para esta actuación.

O futuro terreo de xogo, deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez, terá unhas dimensións de 100×58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra tódalas instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada.