O Pont-Up Store adía o seu programa presencial á vindeira primavera

17
  • A carpa de emprendementos e actividades demostrativas agardará a datas máis seguras. A organización quere converter o Pont-Up Exprés nun evento en liña que terá lugar o 19 de novembro
  • A concelleira Yoya Blanco amosa a súa vontade de “non renunciar a levar o emprendemento galego ás rúas da cidade, mantendo un dos principais sinais de identidade do Pont-Up Store”

Despois de desenvolver en setembro parte do seu programa en liña, o Pont-Up Store terá que agardar a unha situación máis segura e apunta á vindeira primavera como posible data para celebrar o seu programa presencial, instalando como de costume na Praza de España unha carpa para amosar os emprendementos de 46 starups galegas. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e a organización do evento amosan así a súa vontade de “non renunciar a levar o emprendemento galego ás rúas da cidade, mantendo un dos seus principais sinais de identidade ao longo dos seus sete anos de traxectoria”.

A decisión foi adoptada tras valorar a situación coas entidades que apoian o evento, que apostaron por manter os apoios necesarios para financiar a continuidade das actividades deste encontro, que a día de hoxe é un dos grandes referentes do ámbito do emprendemento no noroeste peninsular. En concreto, a concelleira de Promoción Económica manifestou o seu respaldo económico para desenvolver e reforzar o programa desta edición, e anunciou que no mes de xaneiro estudará como apoiar e desenvolver a VIII edición prevista para setembro de 2021.

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, subliña a necesidade de “seguir apostando por levar o emprendemento á rúa e por seguir ofrecendo apoio e visibilidade aos emprendementos galegos, que agora precisan máis que nunca do magnífico escaparate que lles ofrece o Pont-Up Store, onde poden testar as súas iniciativas, ter contacto directo co público e establecer relacións con posibles provedores e colaboradores”.

Figueroa explica que este encontro xa tiña iniciado o camiño cara unha nova fase antes da pandemia e, agora, vaise “acelerar ese proceso para facer do Pont-Up un contedor de accións relacionadas co ecosistema emprendedor que vai programar actividades durante todo o ano”.

Unha sesión con oito starups galegas

Segundo avanzou, a organización está a traballar para transformar o exitoso formato ‘talent business’ Pont-Up Exprés nun evento en liña que se celebrará o vindeiro 19 de novembro entre as 19:30 e as 20:30 horas. A sesión será retransmitida a partir dun plató virtual onde 8 startups galegas presentarán en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Nesta edición contarán con Margarita Hermo Figueira, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de Relacións Institucionais da corporación empresarial conserveira Jealsa; Emilio Bruquetas Serantes, director xeral do grupo enerxético galego Reganosa Holdco, e Ángel González Calvo, presidente executivo da compañía internacional especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbano Setga, que xunto coa carta escoitante, Virginia Pozo Castro, fundadora, CEO e directora creativa da firma de moda internacional Coosy, representan a internacionalización de empresas con base e orixe en Pontevedra. 

Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas escoitantes. As empresas que presentarán os seus emprendementos a este comité de expertos son as seguintes: THE GOOD SHOP, ANAINAS SKIN PEACE, VIVEGREENS, ERTHA SURFBOARDSSMARTWOOD, VERSOS DE A RUDA, O GALPÓN LABA FACTORÍA DO LUME.

Pedro Figueroa convida ao público a seguir esta actividade a través de internet e lembra que a web do encontro, totalmente renovada, está funcionando como repositorio de contidos onde é posible consultar información de tódalas sesións en liña celebradas ata agora, e moita outra información de interese para os novos emprendementos.

O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) coa Concellería de Promoción Económica de Pontevedra como patrocinador principal, e co apoio da Deputación, que se xunta á colaboración de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes sete anos foron sumando o seu respaldo ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento.