As catas comentadas Etiqueta Negra Experiencias cancelan a súa celebración pola situación sanitaria

12
  • A organización e a concelleira de Promoción Económica adoptan a decisión “por sentido da responsabilidade, a raíz do incremento do número de casos activos na cidade nos últimos días”
  • Trala suspensión destas catas, previstas para a semana do 24 ao 29 de novembro, Yoya Blanco agarda que a feira do gourmet galego “poida celebrarse en 2021, nun ambiente máis seguro”

“Por sentido da responsabilidade, para contribuír a frear a propagación do virus e como consecuencia do aumento de casos activos de Covid-19 na cidade durante estes últimos días”, a organización de Etiqueta Negra e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, decidiron suspender a celebración das catas comentadas de produtos gourmet galegos Etiqueta Negra Experiencias, previstas para a semana do 24 ao 29 de novembro. Esta decisión adóptase trala constatación do agravamento da situación sanitaria: “Logo de avaliar en profundidade un contexto con crecentes restricións sanitarias -explica a edil socialista- decidimos dar prioridade á integridade física e a saúde de produtores, público asistente, provedores, traballadores, por enriba de todo e, aínda que tódolos nosos esforzos se orientaron a procurar a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade, lamentablemente, non nos queda máis remedio que tomar esta triste decisión”.

En calquera caso, Yoya Blanco amósase esperanzada de que “Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, poida celebrarse en 2021, nun ambiente máis favorable e seguro, que poida favorecer o intercambio de acordos comerciais entre os seus participantes, acadar a maior participación posible e contribuír así á reactivación da actividade económica e comercial da industria alimentaria, clave para a economía do noso país”.