Desenvolvemento Sostible promove o proxecto Liquencity 2 en 25 centros educativos da cidade

49
  • A iniciativa busca obter datos da calidade do aire na cidade a través da colaboración cidadá na procura dos liques que habitan nas árbores urbanas, excelentes indicadores da contaminación
  • O proxecto de ciencia cidadá traduciuse no envío de trípticos e pósters a IES e CEIP por parte do Concello. Estes materiais poden descargarse na páxina web ‘www.liquencity2.org

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de distribuír en 25 centros de Infantil, Primaria e Secundaria do municipio trípticos e carteis cos que pretende incentivar a participación da comunidade educativa no proxecto de ciencia cidadá Liquencity 2, impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía co obxectivo de obter datos da calidade do aire nas cidades de Oviedo, Pamplona e Pontevedra a través da colaboración da cidadanía na procura dos liques que habitan nas árbores urbanas (ao seren excelentes bioindicadores da contaminación empregados durante décadas para monitorizar a calidade do aire en numerosas cidades de todo o mundo). 

A iniciativa, que é unha continuación do anterior Liquencity realizado en Madrid e Barcelona con enorme éxito e na que colaboran institucións como as universidades de Vigo, Oviedo e Pamplona, o Real Xardín Botánico e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), pretende obter datos de distribución de especies de liques indicadores de distintos niveis de contaminación mediante unha nova aplicación para dispositivos móbiles e, a partir destes, xerar mapas de contaminación atmosférica para cada cidade. “A idea é concienciar á poboación urbana dos efectos que a contaminación invisible do aire ten sobre a nosa saúde, e a de incorporar á cidadanía no proceso de investigación científica”, explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

O proxecto Liquencity 2 está coordinado en Pontevedra por Graciela Paz Bermúdez e María Eugenia López de Silanes, profesoras da Universidade de Vigo cunha ampla experiencia na investigación en liques. O programa incluía nun primeiro momento charlas e actividades que ían comezar no mes de marzo, con xornadas en centros de formación das tres cidades, pero o estado de alarma decretado pola emerxencia sanitaria da Covid-19 levou a pospoñer os plans iniciais.

Unha aplicación para dispositivos móbiles, principal novidade

Tal e como sinala Iván Puentes, a principal novidade desta segunda edición do Liquencity é “o desenvolvemento dunha app exclusiva, que aínda está a deseñarse, que será compatible tanto para iPhone como para Android, que se centrará en nove especies indicadoras en cada cidade e que cambiará a presenza continua de educadores ambientais nas actividades por charlas de formación ao profesorado interesado”. 

A proposta de colaboración estaría aberta a alumnado e profesorado dos centros educativos (que detectan e cuantifican liques), liquenólogos/as (especialistas que revisan as observacións) e naturalistas, voluntarios ambientais e outros colectivos sociais. Non obstante, calquera cidadán interesado en participar pode descargar os  diversos materiais didácticos e a aplicación móbil na páxina web ‘www.liquencity2.org’. “Na web -matiza o concelleiro socialista- atópanse incluso fichas específicas de liques e árbores de Pontevedra”.

Os centros da cidade aos que se facilitaron os trípticos e pósters do proxecto son os IES Valle Inclán, A Xunqueira II, Torrente Ballester, A Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane e Sánchez Cantón e os CEIP Marcón, Manuel Vidal Portela, Cabanas (Salcedo), Vilaverde (Mourente), San Martiño (Salcedo), Parada (Campañó), Príncipe Felipe, Ponte Sampaio, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, A Xunqueira I, Plurilingüe San Benito de Lérez, A Carballeira, Barcelos, Santo André de Xeve e Plurilingüe Froebel, así como os CEP Marcos da Portela e Campolongo.

Pódese obter máis información, resolver dúbidas e coñecer as novidades sobre o proxecto visitando a páxina web, seguindo as redes sociais do mesmo (@liquencity) ou contactando ao equipo científico a través do correo electrónico ‘liquencity2@rjb.csic.es’.

Iván Puentes aclarou que “tanto as charlas formativas previas como as medicións levaranse a cabo cando a situación sanitaria o permita”.