O Concello habilita un punto de recollida de sinaturas a prol da canle Xabarín Club

50
  • As persoas interesadas poderán respaldar a Proposición non de Lei de iniciativa popular na recepción das dependencias municipais de Michelena 30

O Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística dirixida por Alberto Oubiña, apoia esta iniciativa e ao seu grupo impulsor, entre o que se atopan A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Músicas ao Vivo e unha longa lista formada por axentes e profesionais do sector cultural do país.

Alberto Oubiña manifestou a necesidade dunha maior oferta de contidos en galego para a mocidade apuntando ao 4% de canles en galego fronte a un 96% en español, da que só un 4,6% é programación infantil en días laborabéis e baixa ata un 2,7% na fin de semana. Así, a Lei 6/1999 do 1 de setembro, do Audiovisual de Galiza e na Lei 7/2010 do 31 de marzo, Xeral da Comunicación Audiovisual recollen que as canles de radio e televisión públicas da TVG teñen entre as súas funcións velar pola normalización lingüística e darlle carácter estratéxico. Douta banda, a propia CRTVG fai constar dentro do seu portal de transparencia “o especial papel que lle corresponde á TVG e á Radiotelevisión á hora de contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galiza”.

A plataforma na súa proposta insta á Xunta a tomar as medidas e accións precisas para que a Corporación de Radio e Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisión públicas a través dunha canle “Xabarín”, reclamar ao Goberno español que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App. Tamén insta ao Goberno galego a chegar a acordos con outras Administracións e empresas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego en todas as plataformas dixitais.

Para colaborar activamente na recadación das 2.500 sinaturas precisas para que esta Proposición Non de Lei sexa debatida no Parlamento, o Concello habilitará un punto de recollida na recepción das dependencias municipais da rúa Michelena 30.